SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG vai
pedir que o Parlamento investigue a conexión do Partido Popular de Galiza co
presunto financiamento ilegal da caixa B que está sendo xulgada na Audiencia
Nacional, e que implica de cheo ao PPdG cando esta formación estaba baixo a
presidencia de Alberto Núñez Feixóo.
Así o anunciou
a portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control tras advertir ao
presidente da Xunta que ou ben daba unha explicación na Cámara ou ben o BNG
solicitaría unha comisión de investigación ante uns feitos “que repugnan a
calquera demócrata” e que, ademais,
supuxo un espolio ás arcas públicas: “A corrupción do seu partido rouboulles
millóns de euros á cidadanía deste País”, denunciou.
Pontón
aproveitou a sesión de control para interpelar ao xefe do Executivo sobre a
presunta trama de financiamento ilegal do PP que se xulga na Audiencia
Nacional, convertida nestes días “nun desfile de grandes glorias do Partido
Popular”, que non deixa de ser “unha nova unha nova entrega da mafia Gürtel”.
Unha trama, a da caixa B, que implica de
cheo ao PPdG como confirmou o ex tesoureiro, Luís Bárcenas, ante o xuíz declarando
que en 2010, o PP de Pontevedra entregou 50.000 euros en negro na sede de Génova,
cantidade que, segundo confesou, foi
distribuída en dous sobres de 25.000 euros e entregados a María Dolores de Cospedal
e a Mariano Rajoy.
“A data é 2010 e vostede era presidente
do PP desde 2006, así que ten toda a responsabilidade neste asunto”, subliñou a
líder nacionalista, quen replicou ao reproche de Feixóo de traer a corrupción do
Partido Popular ao Parlamento en pandemia. “Estamos en plena crise despois dun ano
de pandemia que ten provocado moito sufrimento, e hai unha pregunta que nós
formulamos e que se fai moita xente: cantos cartos perdeu a sanidade pública
porque foron roubados pola trama Gürtel do PP, cantas residencias se poderían
ter construído ou cantas axudas se poderían ter concedido aos sectores
impactados pola crise cos cartos roubados pola trama Gürtel do PP?”, interpelou.
“O condenable non é pedir explicacións pola corrupción, senón a corrupción do
PP”, sentenciou.
Pontón ve na
caixa B que se investiga na Audiencia Nacional unha “radiografía” do PP: “sobresoldos,
campañas electorais dopadas, corrupción institucionalizada e sedes reformadas
con diñeiro tan negro que non poden branquear nin abandonando Génova”, recalcou,
decisión anunciada por Pablo Casado que parece que Feixóo non comparte,
ironizou. “Do pasado non
se renega, apréndese, dixo nunha entrevista. Calquera persoa sensata pensaría
que sería razoable renegar dun pasado marcado pola corrupción, pero alá vostede
cos seus principios”, alegou a portavoz nacional do Bloque.
Mordida de 1,8 millóns de euros
Ademais da última declaración do ex
tesoureiro Bárcenas, Pontón fixo referencia ao longo historial que vincula ao
PP galego coa trama de financiamento ilegal tendo en conta que Pablo Crespo, considerado
número dous da Gürtel, foi secretario de organización do partido en Galiza durante
case unha década e confesou que se repartían sobres entre cargos do PP galego e
que o 75% do orzamento das campañas electorais era diñeiro negro.
Ou o informe de 2006 do entón xerente
dos populares galegos que rexistra “mordidas”
a empresas por valor de 1,8 millóns de euros, moitas das que despois recibirían contratos
millonarios do goberno da Xunta do que
Feixóo era conselleiro en 2003 e vicepresidente en 2004. “Todo isto
señor Feijóo é moi grave e require unha explicación neste Parlamento, porque a
corrupción socava millóns de euros da cidadanía e socava os cimentos da
democracia”, argumentou.
Pontón tamén desestimou o reproche de
Feixóo por levar o asunto da corrupción do PP a Pleno dous días antes do
encontro bilateral coa líder do Bloque. “Está tan acostumado a non dar
explicacións neste Parlamento que non distingue entre unha sesión de control ao
goberno, que é a nosa obriga, e un encontro para dialogar dos asuntos do país”,
concluíu. Departamento de comunicación