MADRID | A formación nacionalista avalía os quiñentos días desde a toma de
posesión no Congreso do seu deputado, Néstor Rego, comprometida coa defensa
“coherente e insubornábel” dos intereses da Galicia e da clase traballadora.
Rego destaca as preto de quiñentas iniciativas rexistradas na cámara baixa
nestes quiñentos días e o Acordo de Investidura acadado que logrou desbloquear
a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na
cámara española.
No Congreso, ao longo de 20 anos os deputados
e deputadas do BNG exerceron con absoluta dignidade e eficacia a función de
seren a voz dos intereses dos galegos e galegas. “Nas eleccións de novembro de
2019, recuperamos a representación e comprometémonos a ser a voz activa das
clases populares galegas e a defensa da Galiza e creo que estamos cumprindo,
con todo o mellorábel que sen dúbida pode ser o noso labor” apunta Néstor Rego.
Con ese espírito, o BNG asinou un Acordo de
Investidura que desbloqueou a Axenda Galega cunha serie de medidas necesarias.
“É evidente o escaso interese do Goberno PSOE-UP por cumprilo en tempo e forma
mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos
coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para
materializalos en avances concretos” reza o deputado nacionalista.
Mais alén do acordo, a formación nacionalista
retomou o traballo institucional co obxectivo claro de defender os intereses da
Galiza chegando a rexistrar preto de 500 iniciativas nestes primeiros 500 días
despois da toma de posesión. Máis ao concreto, o BNG presentou: 3 Proposicións
de Lei, 102 Proposición Non de Lei, 338 preguntas ao Goberno, 2 interpelacións
e unha moción froito de interpelación, 11 solicitudes de comparecencia de
diferentes cargos e responsabilidade do executivo estatal, 12 solicitudes de
creación de comisión e presentou emendas parciais e totais a 17 proxectos de
lei. Neste sentido, cabe destacar que o representante do BNG é o deputado
galego con máis intervencións parlamentarias acada até o de hoxe na cámara
baixa, cun total de 303 intervencións.
Defensa dos sectores produtivos
Alén da análise cuantitativa do traballo, o
deputado nacionalista sinala que todas as iniciativas rexistradas tiveron e
teñen “como obxectivo a defensa da capacidade de Galiza a se desenvolver
economicamente para garantir emprego, benestar e futuro para todos os galegos e
galegas”. Iniciativas que tamén abordaron a crise industrial que se está
desenvolvendo no país- con focos moi coñecidos como o de AluIbérica, Alcoa,
antiga Vulcano, os estaleiros na ría de Ferrol, etc- e reclamar unha transición
xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas e exixindo
un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio
e o noso medio fronte o espolio de grandes multinacionais.
Nas distintas iniciativas rexistradas tamén
estivo presente o sector agrario, o gandeiro e o pesqueiro e marisqueiro
trasladando ao Congreso aquelas cuestións lles afectan: desde reclamar unha
compensación económica as mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo polo
dragado até a defensa dos métodos de pesca tradicionais do noso país e a
renovación xeracional da frota pesqueira. “Tamén exiximos a modernización das
infraestruturas de comunicación do noso país e prestamos especial atención a nosa
rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel e que favorece o
desenvolvemento do noso país” apunta Rego. Sen esquecer a loita pola
transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas
portaxes, pois o BNG traballa para “conseguir unha AP-9 galega e libre de
peaxes”. Departamento de comunicación