MADRID | O BNG rexistrou no Congreso varias iniciativas co
obxectivo de que o Goberno do Estado retire o Proxecto de Orde pola que se
estabelecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por
capacidade para abrir un novo proceso que permita acometer con garantías os
cambios que se deben incluír. O deputado nacionalista, Néstor Rego, urxe
reconsiderar a repartición de custos e portaxes para que, tanto consumidores
domésticos como profesionais, non sufran o impacto que o actual deseño suporía.
Alén do máis, consideran necesario facer unha valoración conxunto de todos os
impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, para eliminar o Imposto
Especial de Electricidade e a baixar o IVE ao tipo súper reducido de 4%,
aplicado a produtos de primeira necesidade, para conseguir abaratar a factura.
O pasado mes de marzo, o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo
que se estabelecía unha metodoloxía de cálculo dos cargos do sistema eléctrico
que, xunto ás portaxes do sistema fixados pola Comisión Nacional do Mercados e
da Competencia (CNMC), conformarían a parte regulada da factura eléctrica de
cada consumidor ou consumidora. Esta reforma, prevista para que for aprobada en
2020, foi aprazada pola pandemia, entrará en vigor o próximo 1 de xuño.
“O BNG considera que esta norma vai xerar un impacto negativo nos consumidores e
consumidoras polo que é necesario a retirada da norma, tendo en conta que
afectará a importantes sectores da poboación que xa están a sufrir as graves
consecuencias polo impacto económico das restricións debidas á COVID19” afirma
o deputado nacionalista.
As tarifas estabelecidas pola Orde, implicarán que o
tramo máis caro abranguerá entre as 10 e 14 horas da mañá e entre as 18 e 22
horas da tarde. Pola contra, o tramo máis barato situarase entre as doce da
noite e as oito da mañá. Segundo os datos que aporta Rego, na Galiza “o cambio
nas tarifas afectará a máis de medio millón de fogares adheridos ao sistema
anterior e que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar
a superar 30%”.
Así mesmo, debe destacarse o impacto que tamén terá o
cambio en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na
Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras. Debe lembrarse que os
horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo
enerxético. Por exemplo, unha explotación gandeira concentra 40% do seu consumo
entre as 8 e as 13h e entre as 18 e 23h polo que o incremento medio da factura
anual será de máis de 50%, posto que as horas de concentración de actividade e
consumo son nos períodos punta. “Na Galiza existen máis de dez mil explotacións
que se van a ver afectadas por estes cambios sen alternativa posíbel.
De igual forma, esta Orde afecta a outros consumidores
cun perfil de consumo semellante ao descrito, como pode ser o da hostalería,
que xa foi duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán
igualmente as consecuencias, pois a súa actividade debe desenvolverse
necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía” explica Néstor Rego.
“Non resulta lóxico acometer un cambio
normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da
factura cun peso relevante e que tamén deben ser revisados como é a eliminación
do imposto especial da electricidade ou o a redución do tipo de IVE que debe
aplicárselle” enfatiza o deputado do BNG. Departamento de comunicación