SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o movemento neofalante como “motivo
e porta de esperanza” para o galego e unha oportunidade para “poder reverter os
datos tan preocupantes” que arroxa a situación da lingua á que conduciu a
política lingüística desenvolvida polo Goberno do PP ao longo da última década.
“É
moi importante poñer en valor a todas estas persoas que están a dar este paso porque
o galego é a lingua que nos une e que nos fai máis fortes como sociedade”,
recalcou nun encontro con neofalantes no que estivo acompañada pola portavoz
parlamentar de lingua e cultura, Mercedes Queixas, e que se celebrou no marco
da campaña que desenvolve o BNG con motivo do 17M baixo o lema “Suma co galego,
a lingua que nos une”, centrada precisamente nas persoas que se incorporan ao
galego.
A
portavoz nacional apuntou á necesidade de “acompañar” e “seguir dando azos” a
todas estas persoas para que sexan referencia “para moitas outras que teñen que
vir atrás”, nun acto no que participaron xs creadores de contidos para redes,
OlaXonMario e Nee Barros; a licenciada en Economía, Alba Rodríguez, e a
deputada Alexandra Fernández, que abordaron as súas respectivas experiencias e
que exemplifican unha sociedade que, segundo Pontón, “quere dar pasos cara
adiante e sumar co galego para construír unha Galiza máis forte e mellor”.
Neste
sentido, subliñou que o empoderamento lingüístico da sociedade galega, e moi
especialmente o da mocidade, “é esencial para ter unha lingua viva e con
futuro”, polo que animou ao conxunto dos galegos das galegas e en particular á
xente nova a que dea o paso e utilice o galego en todos os espazos e en todos
os ámbitos da súa vida, “sabendo que isto é un acto de normalidade, pero tamén
de rebeldía e inconformismo”, dada a política lingüística que está a
desenvolver o PP e os intentos de facer retroceder o idioma.
Así,
Pontón recordou o recente informe da RAG no que se conclúe que, na denominada xeración centennial, o 35% do alumnado
castelanfalante carece de competencia lingüística en galego e denunciou que
isto evidencia “unha política lingüística que cercena o dereito a coñecer a
lingua galega e coñecela é o primeiro paso para poder usala”. “O resultado que
temos a nivel lingüístico non é froito da casualidade -reprobou- é un deseño
programado polo PP para que a lingua galega retroceda”.
Fronte
a este contexto de “desgaleguización que nos empobrece” e que vinculou ao
decreto de plurilingüísimo aprobado polo PP “unilateralmente e en contra da
maioría da comunidade escolar”, destacou que “hai unha sociedade que
reacciona”, con persoas que apostan por un proceso de “reapropiación da lingua”,
aínda sen ser educadas nela, porque a entenden como “unha porta aberta ao
mundo” e un xeito de fortalecer “a nosa identidade e o noso país”.
“Unha
Galiza máis forte economicamente tamén é unha Galiza máis forte culturalmente”,
defendeu, para concluír a continuación que “o galego é a lingua que nos une,
que nos fai máis fortes e que nos permitirá construír un futuro mellor e
dispoñer de máis oportunidades no mundo”. Departamento de comunicación