SANTIAGO DE COMPOSTELA | A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe que
Galicia lidera a gran reforma da atención residencial en España, cun
modelo ambicioso, audaz e sensato. Compareceu a petición propia no
Parlamento autonómico para informar sobre as conclusións do Comité
Asesor Sociosanitario sobre o novo modelo de residencias.
Fabiola
García subliñou que se logrou no medio dunha pandemia, e en tan só doce
meses, establecer os cimentos e a estrutura que deberán seguir as
residencias de maiores das próximas décadas. Este traballo foi posible
grazas ao labor do comité asesor que se constituíu hai xusto un ano.
Neste
sentido, explicou que o Comité Asesor Sociosanitario realizou unha
proposta fundamentada en catro piares, que se corresponden cos
principais vectores de mellora das residencias: a humanización do trato e
a formación continuada de todos os profesionais; o aproveitamento do
potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación entre a
sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais, que se
comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.
Humanización e formación
Así
mesmo, a conselleira manifestou que os centros residenciais son a “casa
dos residentes”, polo que unha das liñas básicas de traballo debe ser
que as persoas maiores se sintan cómodas neles e que se respecten a súa
dignidade e a personalidade. Destes principios parte o bloque de medidas
de humanización e formación continuada. O novo modelo desterra as
suxeicións físicas e farmacolóxicas, agás en casos extraordinarios,
xustificados e pautados por un médico. Tamén se favorecerán as saídas
dos residentes e permitirase, sempre que os familiares poidan, visitar
as habitacións e comer cos seus pais e avós. Os profesionais elaborarán
un plan de actividades para cada residente que o axude a conservar a
calidade de vida e a boa forma física e mental.
Na gobernanza
diaria das residencias teranse en conta as opinións de todas as persoas
que forman parte do ecosistema do centro. Todas as de máis de 100 prazas
deberán contar cun Consello Asesor con funcións consultivas, a través
do que poidan participar a empresa titular do centro, os profesionais,
os residentes e as familias; e aconsellarase ás máis pequenas que o
incorporen tamén.
Por outra banda, porase en marcha a nivel autonómico unha Oficina de
atención ao residente e aos familiares. No plano formativo, todas as
residencias deberán contar cun plan que garanta que os seus profesionais
nunca deixen de aprender.
Potencial tecnolóxico
A
capacitación será especialmente interesante para formar aos
traballadores no emprego de tecnoloxías que serán de uso cotián nas
residencias. A longo de 2022, Galicia vai transformar todos os centros
de maiores públicos en residencias intelixentes, nas que a innovación
tecnolóxica se traducirá en máis benestar para todas as persoas maiores.
Fabiola
García subliñou que o sistema público terá unha función demostrativa e
exemplificará, para os centros privados, todos os avances que se poden
lograr a través da innovación. O pase de enfermería evolucionará coa
introdución dun monitor multiparamétrico, para aforrar tempo en trámites
e transcricións. Os cuartos transformaranse en habitación intelixentes,
con sensores que avisan se a persoa maior ten unha caída ou deambula de
noite.
Os residentes con algún tipo de deterioro cognitivo
poderán pasear con máis liberdade e sen medo a perderse, dentro ou fóra
da residencia, coa introdución dun novo mecanismo de seguimento, e
instalaranse sistemas de lecer e de comunicación cos seus achegados,
tanto dentro das propias habitacións coma nas zonas comúns.
A
conselleira de Política Social explicou que a maioría destes avances xa
están funcionando na residencia pública piloto que o Goberno galego puxo
en marcha na Estrada e que conta “cunhas valoracións excelentes por
parte dos que máis importan: os residentes e os traballadores”,
recoñeceu.
Ademais, nos últimos meses a Xunta estivo
perfeccionando os sistemas de información das residencias en estreita
colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia
(Amtega). Implantouse en todos os centros que contan con persoal
sanitario a última versión da Historia Clínica electrónica HCEPro, unha
ferramenta máis avanzada ca o IANUS.
Tamén se elaborou un cadro de mandos a nivel autonómico para obter
unha imaxe fiel da situación das residencias en cada momento. Deste
xeito, os profesionais disporán dunha panorámica máis completa e as
Administracións públicas tamén contarán con mellor información de cara á
toma de decisións.
Coordinación sociosanitaria
Fabiola
García puxo en valor que o usuario das residencias non é unicamente unha
persoa que necesita que o coiden, senón que é tamén, na maioría dos
casos, un paciente crónico que require dunha atención sanitaria
intensiva. Por iso, o novo modelo recolle a imprescindible coordinación
entre o sistema de coidados e o sistema de saúde. A conselleira
agradeceu o “compromiso, a determinación e a amplitude de miras do
conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, por ser “o mellor
aliado” para que o espazo sociosanitario pase a ser unha realidade cada
vez máis tanxible.
Para conseguir esta meta, o novo modelo ten
entre as súas novidades diferentes medidas. Os hospitais servirán a
medicación a todas as residencias de máis de 90 prazas. Isto aliviará en
certa medida a presión asistencial da atención primaria, pois os
centros de saúde poderán descargarse de preparar receitas para máis de
5500 pacientes crónicos.
Crearanse tamén as primeiras unidades de
coidados intermedios da historia da nosa comunidade. Nelas, atenderase
ás persoas que xa recibiron a alta do hospital, pero seguen requirindo
acompañamento social. A través deste, poden retomar a vida autónoma e
evitar o ingreso nunha residencia.
Acordouse co sector que todos
os centros deban contar cun plan de continxencia validado polas
Consellerías de Sanidade e Política Social, e coñecido polos
profesionais, familiares e usuarios. Nestes plans fixaranse a
sectorización do centro, os circuítos e o stock mínimo de Equipos de
Protección Individual (EPIS). Ademais, debe asegurarse que os
traballadores estean formado sobre o uso do material.
Por último, para as situación sanitarias de gravidade que se orixinen
nunha residencia, o novo modelo ofrecerá dous avances moi importantes: a
creación de vías rápidas para acceder ás Urxencias e tamén ao hospital
de día; e a posta en marcha dun código de residencia na centraliña do
061, que sirva como vía prioritaria para todas as emerxencias dos
centros sociosanitarios.
Reformas estruturais
A
conselleira apuntou como cuarto e último piar do novo modelo as reformas
estruturais para os centros xa existentes e os de nova construción,
entre as que destaca a creación de unidades de convivencia. Ao respecto,
detallou que as residencias en Galicia deberán contar, como máximo, con
seis unidades deste tipo ou “minirresidencias”, de 25 prazas como tope
cada unha. É dicir, un máximo de 150 prazas por centro.
Ademais,
os usuarios deste módulos seleccionaranse polas súas preferencias
persoais antes que polo seu grao de dependencia. As unidades estarán
decoradas como o estaban os domicilios dos usuarios e reducirase ao
mínimo a rotación de persoal entre eles para salvagardar a intimidade
dos residentes e promover a confianza. O obxectivo, é que as residencias
sexan verdadeiros fogares nos que se teña moi en conta a intimidade dos
usuarios.
Nesta mesma liña, e para favorecer tamén a
sectorización dos centros se fose necesario, un módulo non deberá servir
de zona de paso a outro e todos eles deberán contar con acceso directo
ás áreas comúns da residencia.
Así mesmo, e tendo en conta que nas
residencias viven moitas persoas quen padecen deterioro cognitivo,
poderán contar con áreas de psicoxeriatría. De feito, os sete centros
públicos de atención integral ás persoas maiores que a Xunta impulsa co
financiamento da Fundación Amancio Ortega prevén xa a creación deste
tipo de servizos.