MADRID | O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, exixe
aos partidos do Goberno que cumpran o compromiso de derrogar a reforma laboral
do Partido Popular. Para iso, e frente á resistencia de PSOE e UP, considera
imprescindíbel tramitar como proxecto de Lei o RDL 32/2021, de 28 de decembro,
para poder modificar os aspectos máis lesivos da normativa de 2012 e avanzar na
recuperación de dereitos para os traballadores e traballadoras.
Entre as mudanzas que o BNG
considera necesarias e que non foron abordadas no Decreto do Goberno, están
reverter as facilidades dos empresarios para o despedimento e recuperar a
indemnización de 45 días e tope de 42 meses por despedimento improcedente
frente aos 33 días e 24 meses que introduciu o Partido Popular. “As facilidades
para despedir e o abaratamento do despedimento foi un dos elementos máis graves
da reforma antisocial do Partido Popular do ano 2012, que motivou dúas folgas
xerais, e que este Goberno non quere modificar. Ao BNG parécelle imprescindíbel
facelo”, sinala Rego.
Tamén defende o BNG recuperar a
autorización previa, por parte da autoridade laboral, para os despedimentos
colectivos (EREs). Para o deputado nacionalista, isto daría máis capacidade de
presión aos traballadores e traballadoras para melloraren as súas condicións
laborais e evitaría moitos fechamentos de empresas por deslocalización da
produción. “Que os empresarios poidan despedir libremente cando consideren non
só prexudica os traballadores e traballadoras, tamén o desenvolvemento
económico do noso País. Infelizmente temos casos recentes de fechamento de
empresas na Galiza que levan a produción a outros países: Poligal, Siemens
Gamesa ou Vestas, son claros exemplos disto”, salienta o deputado nacionalista.
Entende así mesmo o BNG que é
preciso recuperar os salarios de tramitación por despedimento e a necesidade de
acordo para a modificación dos convenios, eliminado a posibilidade de
incumprimento ou mudanza das condicións estabelecidas por parte das empresas.
Aliás, a organización
nacionalista defende que se debe eliminar a hipótese de que os convenios de
empresa empeoren as condicións dos convenios sectoriais, non só nos salarios.
“Nas modificacións acordadas mantense a prevalencia dos convenios de empresa e
só se exceptúan os salarios, mais iso implica que poden peorar cuestións como
os horarios e a distribución do tempo de traballo ou as medidas para favorecer
a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal, entre outras, e non é
razoábel”, enfatiza Rego.
Ao mesmo tempo, tamén debe ser
eliminada a prevalencia dos convenios estatais sobre os autonómicos ou
provinciais. “Dar prioridade aos convenios estatais non só implica máis
centralización senón, sobre todo, debilitar a capacidade de presión e
negociación dos traballadores e traballadoras, afastando a negociación do seu
ámbito e limitando a participación dos sindicatos máis combativos, como no caso
da Galiza, a CIG, maioritaria no noso País”, subliña o deputado do BNG.
Rego destaca que, se os partidos
do Goberno quixeren, existe unha maioría parlamentar para proceder a derrogar
integramente a reforma laboral do Partido Popular. “Parece que PSOE e Podemos
prefiren incumprir as súas promesas e compromisos para contentar os empresarios
á custa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Chamamos a rectificar e
a avanzar na recuperación de dereitos, e iso pasa por acceder a tramitar o RDL
como proxecto de Lei e por acordar as mudanzas necesarias. Do contrario, o BNG
non apoiará a convalidación deste decreto que decepciona as expectativas de
avances reais xeradas e os compromisos estabelecidos”, advirte Néstor Rego. Departamento de comunicación