SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abriu a xornada de traballo 'Por un rural vivo' afirmando que todos os países avanzados teñen un
rural forte e produtivo que garante a soberanía alimentaria, crea riqueza, é sustentable
no ambiental e ofrece servizos de calidade. “Ese é o rural que defende o BNG,
porque temos clarísimo que é parte estratéxica e imprescindible para unha
Galiza con futuro”, destacou.
Por iso, a líder nacionalista fixa como
prioridade dun Goberno liderado polo BNG “rescatar o rural” do abandono no que
o deixan as políticas do PP. “A Galiza rural está conformada por 263 concellos e
ocupa o 90% do territorio, alguén se imaxina unha Galiza de futuro sen o 90% do
seu territorio? Para o BNG é inconcibible, por iso temos que rescatar o rural
do abandono, da improdutividade e da despoboación, temos que rescatar o rural
da morte lenta que significan as políticas do PP”, comprometeu. O abandono do Goberno do PP tamén se
expresa en números. En 2021, deixou sen executar o 21% do orzamento, desde 2009
o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de
euros.
Pontón considera que ese rescate do
rural é posible e presenta un Plan
estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de
actuación e ten como principal baza unha política de discriminación positiva en
materia de servizos públicos, con medidas concretas que foron enumeradas pola
líder nacionalista: manter as escolas unitarias, - o PP na Xunta pechou 110-, dotar
de pediatría todos os centros de saúde, reverter os recortes sanitarios no
medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos
sociais.
A segunda liña estratéxica ten como
obxectivo clave conseguir un rural produtivo, que aporte alimentos de calidade
e permita a soberanía alimentaria, e
para iso inclúe no plan de rescate mobilizar terra agrícola abandonada. En
concreto, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras
ilegalmente forestadas.
Dentro desta aposta, impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía, superando a reducionista visión do
monocultivo de eucalipto. De feito, a superficie agraria destinada a produtos de
consumo humano é do 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por
contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos.
“Estamos falando de superficie agraria destinada a produción
de cereais, hortalizas, froitas, legumes, oleaxinosas ou aceite, pese a que
temos unhas condicións extraordinarias para os cultivos agrarios. Pero nos
últimos anos, baixou a produción de trigo, de millo, de pataca, de tomate, de
pemento, de uva para o viño, etc. Hai que darlle a volta a esta tendencia e
apostar pola produción”, argumentou Pontón.
Amazón galego para o rural
O
centros comarcais de envasado e
etiquetaxe pensados parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a
creación dunha plataforma
público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e
elaborados de orixe agrogandeira. Igualmente,
no ámbito da comercialización, promover o consumo de produtos locais no ámbito
público como residencias, hospitais, centros educativos, edificios
administrativos. Ademais de apoiar ó produtor local, redúcese o impacto
ambiental.
A quinta liña estratéxica do plan de
rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización do
medio rural e por estender as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para
garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e
apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.
A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas
para produtores e produtoras,
establecendo na Lei da cadea
alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a
perdas.
Empoderar á muller no rural
Un aspecto clave do plan de rescate do rural son as políticas de
igualdade para a muller, “empoderar as mulleres e darlle o recoñecemento e o
papel que lles corresponde porque son imprescindibles, de feito, algunhas das
experiencias actuais máis innovadoras son autoría de mulleres, pero precisan
ter un apoio que hoxe non teñen”, salientou,
Igualmente, é imprescindible “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por
atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das
axudas directas, “porque só poderemos levar a mocidade ó medio rural cando lle
ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio,
tecnoloxía”.
Dada a importancia específica do sector lácteo, -con máis de 6.000
explotacións de vacún de leite-, a formación nacionalista inclúe a creación
dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e
cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido.
Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da
PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector
agroganderio galego.
“O cambio climático, a pandemia, a crise
de prezos avisan da importancia de ter un rural vivo porque significa soberanía
alimentaria, rendas dignas, biodiversidade e loita contra os lumes, significa
frear o abandono, aproveitamento multifuncional do monte, significa emprego, servizos e infraestruturas
de calidade”, sintetizou.
Galiza ten un rural cun potencial inmenso, pero
necesita un Goberno que poña en valor toda esa riqueza, un goberno que traballe
a favor do rural. Ese é o compromiso do BNG”, concluíu Pontón, fronte a un PP que
deixa como “desfeita” 102.000 habitantes perdidos en dez anos, a maior parte no
rural, case 4.000 núcleos abandonados, envellecemento e 1.412 millóns menos en
valorizar e dinamizar unha parte vital de Galiza. Departamento de comunicación