PONTEVEDRA | O tango será o gran protagonista dos actos que a Deputación de Pontevedra ten preparados para celebrar o Día Internacional da Danza, que cada ano se conmemora o 29 de abril. Así, con “Galicia – Arxentina: un baile de ida e volta”, a institución provincial e o Consulado Xeral da República Arxentina suman sinerxías para levar a cabo unha alianza entre a cultura galega a arxentina que poderá verse o 29 de abril na zona exterior da sede de Vigo ás 19.00 horas e o sábado 30 na explanada dianteira do Pazo Provincial, en Pontevedra, ás 12.00 horas. O espectáculo estará aberto ao público, que xa pode inscribirse e reservar a súa cadeira en participa.cultura@depo.es.
“Galicia – Arxentina: un baile de ida e volta” é unha exhibición de danza que cruza fronteiras e mares a través dos corpos mediante tres pezas que tamén permitirán á cidadanía dialogar co espazo público. O espectáculo comezará coa actuación de Óscar Cobos Compañía de Danza, que interpretará “Bailador”, unha peza moi especial, subversiva e feminista que contará con nove mulleres en escena que renderán unha homenaxe a todas as mulleres que actuaron como preservadoras e transmisoras do baile tradicional. Nesta primeira parte soará a canción homónima de Berrogüeto.
A segunda das pezas será un tango á galega interpretado por OscarAntía Tango -Óscar Cobos e Antía Barcia- que mesturan á perfección as dúas culturas e nela fusionaranse os elementos do tango cos da biomecánica aplicada á danza, facendo un uso moi particular do movemento do corpo e dun repertorio musical pouco usual dentro do mundo do tango. Tras esta peza o espectáculo aterrará por completo en Arxentina cun tango no que participarán dúas parellas lideradas pola bailarina Laura Díez. Os seus movementos estarán acompasados coa música en vivo do dúo arxentino “El Barullo”, con Francisco Monteiro como pianista e Alejandro Szabo como bandoneonista. Departamento de comunicación