FERROL | O Concello de Ferrol vai celebrar na cidade a fin de semana do 13 ao 15 de maio dous importantes eventos no eido cultural e turístico en colaboración co Eixo Atlántico. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, presentaron hoxe A VII Mostra Musical do Eixo Atlántico, que terá lugar os días 14 e 15 de maio, e a sexta edición da feira turística Expocidades, que se celebrará entre o 13 e 15 de maio. Estiveron acompañados polas concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero.
En canto á Mostra, Mato lembrou que se trata dun evento que busca recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica e afección á música entre nenos tanto en Galicia como no norte de Portugal. Este ano participarán 39 solistas e 8 agrupacións procedentes dunha vintena de municipios entre ambos territorios. “Chegarán a Ferrol estudantes de música de entre 13 e 18 anos e a nosa cidade estará representada por catro: dous estudantes de piano, un de tuba e outro de arpa”, anunciou o alcalde. "Por fin Ferrol vai ser anfitrioa deste evento”, que adoita reunir nunha fin de semana uns 300 estudantes de música dos municipios galegos e portugueses que integran o Eixo Atlántico, ademais de acompañantes. Os concertos terán lugar no Auditorio e no Conservatorio de Música Xan Viaño.
O goberno local quere aproveitar este encontro “para atraer á xente a nosa cidade e promover a actividade en todos os ámbitos posibles, neste caso no eido cultural. A Mostra Musical “unirá en Ferrol o gusto pola música e a moita xente nova, unha excelente combinación nun evento que estamos tremendamente honrados de promover”.
Un “escaparate da nosa cidade”
En canto á sexta feira turística Expocidades, que terá lugar na Praza de Armas, o alcalde anunciou que participarán 32 casetas —16 galegas e 11 portuguesas e o resto doutras cidades— nun acto que busca promover o turismo de proximidade entre as localidades e deputacións galegas e portuguesas que forman parte do Eixo Atlántico.
Trátase dun encontro que pretende “dar a coñecer as cidades do Eixo no seu mercado inmediato ao tempo que enriquecer a relación entre produtores turísticos e os propios operadores e axencias de viaxes do territorio”. En Ferrol “aproveitaremos este excelente escaparate para promover especialmente os nosos recursos turísticos, como o Camiño Inglés ou o Ferrol Ilustrado, entre outros”.
Tanto a Mostra Musical como Expocidades son dous eventos que poñen de manifesto a “frutífera e permanente colaboración entre o Concello de Ferrol e o Eixo Atlántico na organización deste tipo de actividades, tanto culturais como de promoción das cidades do territorio que nos unen”. Forman parte “da estratexia na que estamos a traballar intensamente para atraer visitantes á cidade, gañar poboación e dar a coñecer tanto a calidade de vida que ofrece Ferrol como toda a nosa riqueza turística e patrimonial”.
Apoio do Eixo á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial
Pola súa banda, Vázquez Mao aproveitou a presentación dos eventos que Ferrol acollerá no mes de maio para anunciar o apoio e respaldo do conxunto das localidades queintegran o Eixo Atlántico á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’. “Imos a implicarnos e a despregar todos os nosos mecanismos dispoñibles para apoiar a proposta ferrolá”.
Sobre os eventos de maio indicou que “forman parte da estratexia deseñada polo alcalde de Ferrol para a cidade que nos trasladou ao chegar á alcaldía e que ademais do ámbito cultura, educativo e de promoción do patrimonio da cidade inclúe a mellora das insfraestruturas e o desenvolvemento económico de Ferrol”, aspectos nos que “estamos a traballar intensamente”.
Tren turístico e showcooking
Pola súa banda, a concelleira de Turismo anunciou que durante a Mostra Musical o Concello de Ferrol vai poñer en marcha o tren turístico municipal, que realizará o sábado 14 e o domingo 15 ata mediodía percorridos de balde desde Caranza, onde está o Auditorio, ata o centro da cidade pasando por diferentes barrios. A edil tamén indicou que no marco de Expocidades, a mañá do sábado 14 terá lugar un showcooking no mercado municipal do barrio da Magdalena a cargo dos actuais embaixadores do proxecto Dieta Ártabra: Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés, e Miguel Campos, do establecemento A Gabeira.
A concelleira de Patrimonio Histórico aproveitou a presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico para agradecerlle en persoa o anuncio do apoio á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e indicou que durante os días que dure Expocidades o Concello de Ferrol seguirá promovendo a proposta con actividades na rúa. Así, as personaxes de Carlos III, Jorge Juan e o Marqués da Ensenada, que durante a Semana Santa lograron 500 novas adhesións, volverán saír ás rúas do centro para animar á poboación a mostrar o seu apoio á candidatura. Celebraranse tamén visitas guiadas pola cidade durante a fin de semana da feira turística. Departamento de comunicación