SANTIAGO DE COMPOSTELA | O Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Santiago de Compostela vén de condenar ao Banco Bilbao Vizcaya a reintegrar ao Concello de Tordoia a suma de 76.686,97 euros máis os debidos intereses polo cobro indebido de derivados financeiros (ao 3% anual dende o 6 de xullo de 2020). Do mesmo modo, a sentenza declara nula a cláusula 5.2 dos contratos de préstamo que o Concello subscribiu co Banco de Crédito Local, hoxe BBVA.
Nos préstamos, asinados en 2007, o Banco non informou axeitadamente ao Concello. A sentenza considera que a información foi defectuosa no tocante aos derivados financeiros implícitos, xa que nin se explicou o seu funcionamento nin os riscos asociados, como tampouco as repercusións dunha cancelación anticipada. Esta omisión de información supuxo un vicio de consentimento para o Concello. A efectos prácticos, a cancelación supuxo un xuro do 18% para o Concello despois de liquidada a débeda bancaria.
A sentenza estima así parcialmente a demanda interposta polo Concello que deu inicio a un proceso legal no que Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores exerceu a representación da Administración local. Dende o despacho, lembran que, malia o recollido no 5º apartado dos Fundamentos Xurídicos da sentenza, a acción de nulidade do derivado financeiro non está caducada por non ter transcurrido catro anos entre a presentación da demanda (7 de xullo de 2020) e a extinción da relación contractual entre o banco e o Concello, o 15 de maio do mesmo ano.
Por último, dende Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores, lembran que a sentenza cingue o efecto restitutorio ao importe da cancelación anticipada cos seus correspondentes intereses dende que se presentou a demanda, isto é, 76.686,97 euros máis intereses (o 3% anual dende xullo de 2020). Departamento de comunicación