SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, salientou
hoxe en Noia que a Lei de Pesca Sostible, que vén de ser aprobada polo
Consello de Ministros e comezará o debate parlamentario, recolle a
“reivindicación histórica” das mulleres do mar de Galicia ao reducir en 4
anos a súa idade de xubilación.
Formoso mantivo un
encontro coa Asociación Mulleres Salgadas e mariscadoras de Muros, Noia e
Boiro, coas que analizou o impacto desta nova norma que permitirá
aplicar esta reivindicación, reclamada dende hai máis de 20 anos, nos
que leva vixente a actual Lei de Pesca Marítima do Estado.
O responsable socialista lembrou a conmemoración, hoxe 18 de maio, do
Día Internacional da muller no sector marítimo, e sinalou a relevancia
dun texto que “recoñece a dureza do traballo en colectivos tan
importantes como son as mariscadoras a pé ou as redeiras”. Grazas a esta
norma, o seu traballo verase equiparado ao dos homes do mar ou outros
tipos de marisqueo.
Sinalou que os socialistas galegos
“vamos pelexar no trámite de emendas” para incorporar ao colectivo das
mulleres bateeiras, que “deben de estar tamén recoñecidas” nesta Lei por
“sentido común e por xustiza”.
Valentín González Formoso salientou o avance histórico desta norma
para 4.700 mariscadoras, redeiras, percebeiros, recolledores de algas e
buzos de Galicia, que verán incrementada a protección de cara á súa
xubilación. A ampliación do coeficiente redutor da idade mínima para a
xubilación, que pasa dun 0,10 a un 0,15, recolle unha demanda destes
colectivos que fai xustiza á dureza das súas profesións.
Xustas demandas
A
aprobación da norma polo Consello de Ministros permite reducir a idade
de xubilación destes colectivos, que poderán xubilarse catro anos antes
da idade mínima. Salientou que o goberno demostra así que atende ás
xustas demandas destes colectivos, que se verán equiparados aos
mariñeiros que traballan en embarcacións de ata 10 toneladas de rexistro
bruto.
A nova norma regula ademais unha utilización máis
eficiente e flexible das cotas de pesca, co que facilita a
planificación empresarial e optimiza o uso das cotas de pesca e dos días de esforzo asignado a España. Establece sistemas de xestión
que habilitan un uso máis eficiente e flexible das cotas de pesca, e
deixa aberta a posibilidade de retirar as cotas aos beneficiarios que as
teñan sen utilizar.
A Lei de Pesca Sostible e
Investigación Pesqueira, que inicia agora o seu trámite parlamentario,
atende ao Pacto Verde Europeo a consegue garantir o equilibro entre a
conservación do medio mariño e o desenvolvemento dunha actividade
pesqueira rendible, atractiva para o desenvolvemento empresarial e o
relevo xeracional, e consolide un sector moderno e competitivo. Departamento de comunicación