A CORUÑA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, participou no plenario da Cámara de Comercio da
Coruña, nun contexto de crise de prezos se precedentes nos últimos 40 anos, participación
que aproveitou para trasladar as propostas do BNG para paliar os efectos da
escalada inflacionista sobre o tecido empresarial e sobre o conxunto da maioría
social.
Neste sentido, e tendo en conta que o
custe da enerxía é causa principal na espiral de prezos, a líder do Bloque fixo
fincapé na urxencia de que Galiza dispoña dun modelo enerxético “que poña a
riqueza eléctrica do País a favor do País” e, por tanto, sexa un factor que
dinamice a economía e permita crear emprego
e que actúe a favor dos sectores produtivos, xusto o contrario do que
sucede hoxe, onde os custes enerxéticos actúan como lastre nunha Galiza rica en
electricidade é as portas dun boom eólico.
Pontón destacou que os países produtores
de enerxía do entorno europeo dispoñen de tarifas diferenciadas máis baratas
para as zonas produtoras, como compensación polos custes ambientais e sociais,
“e o que pedimos no BNG é unha tarifa eléctrica galega que permita aplicar en
Galiza esa mesma filosofía”. Acábase de aprobar a excepción ibérica, alegou, “e
o que propoñemos é articular a excepción galega porque somos un país produtor e
temos dereito a que esa riqueza reverta nas familias, nas empresas, reverta en
xerar máis oportunidades aquí”.
A líder do Bloque explicou estamos nun
momento de expansión eólica que debe ser reconducido en beneficio do País e non
dunha presa de multinacionais cun modelo “inxusto no social, no ambiental e no
económico”. Debe ser reconducido cara un sistema que xere emprego e riqueza aquí como o que
propón o BNG: “Dicimos si á enerxía eólica pero en beneficio de Galiza, porque
o vento debe poñerse ó servizo da economía produtiva e da maioría social”.
En declaracións ós medios antes da
intervención no plenario, Pontón indicou que a crise de prezos afecta máis a
Galiza, “con pensións e salarios á cola do Estado”, e reclamou unha actuación
urxente tras tres meses de parálise de goberno, “empezando por un plan de
choque para axudar a quen peor o está pasando neste momento”.
Entre as propostas que trasladou na
Cámara de Comercio, un paquete de medidas sociais dirixidas ós colectivos con
máis dificultades: subida do tramo autonómico das pensións non contributivas e
cen euros mes; mellorar a RISGA e facela compatible coa percepción do IMV,
aumentar as axudas para gastos básicos da vivenda e a baixada das peaxes das
autoestradas. No ámbito produtivo, mobilizar 700 millóns de euros para
contribuír a minimizar o efecto da inflación nos sectores produtivos.
A Coruña, referente en ciencia e innovación
En relación ó papel da Coruña, destacou a necesidade de facer unha “aposta” pola ciencia e pola
innovación nesta cidade e área de influencia arredor de dous “puntais” como son
a universidade e o CHUAC, cun gran potencial de investigación biomédica. A
Coruña, indicou, “hai que pensala en clave de área metropolitana o que implica
unha aposta por mellorar as conexións e as infraestruturas e facer un deseño
estratéxico tanto en termos de mobilidade como en termos económicos”.
A líder do Bloque subliña que o futuro “pasa por apoiar e fortalecer a
pequena e mediana empresa reforzando a innovación nese ámbito, a nivel nacional
por suposto, pero especialmente na Coruña como motor económico principal, tendo
en conta o potencial de sectores como o téxtil pero sabendo que é unha área
dinámica e produtivamente diversa”.
Papel estratéxico das PEMES
Para axudar a ese tecido produtivo de PEMES, o BNG levará ó Parlamento a
creación do Instituto de Crédito Galego
como ferramenta de actuación ante as pequenas e medianas empresas, que no caso
concreto da Coruña e contorna aglutina a 19.000 entidades, das que a maioría teñen menos de 8
traballadores e traballadoras. “Hai que deixar de falar de peches, como ocorreu
con Alu Ibérica, e apostar por un modelo económico baseado na ciencia, na
I+D+i, no que as PEMES son clave”.
Precisamente, a aposta de goberno do BNG pola ciencia e a innovación
implica aumentar o investimento público nese ámbito estratéxico, tendo en conta
que hoxe Galiza está á cola cun gasto do 1,1% do PIB; a metade que na medida da
Unión Europea. Por iso, Pontón avogou por un pacto pola ciencia, a creación do
INNOGAL, -na liña do ICREA e IKERBAQUE-, para a captación e retención de
talento investigador e por un incremento progresivo do investimento até acadar
o 2,5% do PIB.
A líder nacionalista agradeceu o convite da Cámara de Comercio, en
particular ó seu presidente, Antonio Couceiro, que permitiu un contacto directo
co tecido empresarial para analizar o momento económico actual así como os
retos de futuro. Departamento de comunicación