El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón, a Rueda: "Vai camiño de converterse nun presidente insubstancial"

29-06-2022 12:17:16
Ana Pontón, portavoz nacional.

SANTIAGO DE COMPOSTELA |  A portavoz nacional, Ana Pontón, interpelou ao presidente da Xunta sobre a súas propostas para dar solucións ás urxencias do País, lamentando a súa “incapacidade” política para defender os intereses de Galiza tanto ante o Goberno do Estado como no exercicio das súas competencias.  

“Señor Rueda, empezou vostede sendo un presidente accidental e moito me temo que vai camiño de ser un presidente insubstancial, incapaz de defender os intereses de Galiza, nin dentro nin fora do País”, denunciou Pontón. Reabrir a conexión coa Meseta pola A6, fondos de recuperación económica, competencias, financiamento autonómico, crise de prezos, colapso da atención primaria,  son algunhas das cuestións máis relevantes para Galiza, pero ante as que o Goberno do PP non aporta solucións e alternativas.  

“Colapsa un viaduto na A6 e dez días despois desprázase ate o lugar do sinistro basicamente para facer de acompañante da ministra de Transportes, e hoxe nin sabemos as causas, nin hai responsables, nin unha proposta de reconstrución”, alegou. A mesma falta de resultados que no encontro coa vicepresidenta de Economía sobre os fondos Next Generation, “cero propostas para Galiza, pero saíu satisfeito dunha reunión que foi un fiasco”.  

A líder do BNG afondou en exemplos de como o  PP non é capaz de defender un axenda de País ante Madrid, como as cero competencias en trece anos, a persistencia dun modelo de financiamento que nos discrimina sen que haxa alternativas do Executivo popular ou a parálise de infraestruturas clave como o Corredor Atlántico de Mercadorías.  

“Non é capaz de  defender Galiza ante o Estado pero é que tampouco é capaz de resolver os problemas dos e das galegas utilizando as súas competencias”, argumentou Pontón, reprochándolle a Rueda que siga “cruzado de brazos”  ante a maior subida de prezos en corenta anos,  “insensible” ante unha crise que afoga ás familias, á clase traballadora e ás PEMES. Ao contrario, denunciou, o PP acaba e aprobar unha lei que lle vai subir o prezo da auga e miles de galegos e galegas, “esa é a súa resposta”.  

Un Rueda que tamén está de brazos cruzados ante unha “sanidade pública asfixiada, coa atención primaria en situación de colapso”, criticou, ao tempo que insistía nun plan de choque de 200 millóns de euros para atención primaria, “probe a investir máis e verá como a situación mellora”. Pontón criticou que, ante a falta de argumentos, o presidente da Xunta acuda ó Parlamento a “manipular, insultar e retorcer a realidade, a especialidade do PP que se sente cómodo na manipulación e embarrando o debate, pero non conten co BNG para iso, porque vimos ao Parlamento a formular propostas”.


Propostas do BNG  


Entre elas as que aporta contra a escalada de prezos dirixidas ós colectivos con máis dificultades: subir as pensións non contributivas, aumentar a RISGA e facela compatible co IMV, aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, que se están disparando coa factura da luz. Igualmente, mobilizar un paquete de axudas directas para os e as traballadoras autónomas, PEMES e sectores produtivos máis impactados polo IPC.  

A líder do Bloque ironizou sobre o “enfado” do PP co traballo que a forza nacionalista desenvolve no Congreso, “cando deberían darnos as grazas porque, cun só deputado, conseguimos unha rebaixa histórica das peaxes e paramos á dereita”. “E agora traballamos para que Galiza teña tres novos xulgados específicos contra a violencia de xénero, agardo que, cando menos, non poñan paus nas rodas a esta iniciativa”, destacou.


Man tendida  

Pontón destacou que o que precisa Galiza son partidos que “voten o mesmo aquí que en Madrid”, lembrando que o Goberno de Rajoy quedou a deber 200 M€ en dependencia “e o señor Rueda votaba neste Parlamento en contra de reclamar esa débeda”.  

“Este País non necesita un presidente insubstancial que non ten alternativas nin propostas para solucionar os problemas da cidadanía, o BNG si as ten e volvo tenderlle a man para poñelas en marcha”, indicou, en relación as medidas contra a inflación e a favor da sanidade pública.


Masacre en Melilla 


A portavoz nacional empezou a sesión de control facendo referencia á masacre de Melilla, “uns feitos que nos estremecen”, dixo, e que deben ser condenados e investigados até as últimas consecuencias por respecto ás vítimas e as súas familias. “Non é decente un mundo no que hai vítimas de primeira e de segunda, todas as vidas contan, todas”, proclamou Pontón.  Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias