El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | ATENCIÓN PRIMARIA

Pontón denuncia que a Xunta ten unha estratexia deliberada de peche progresiva dos PACs de atención primaria

O BNG pide a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade.

17-10-2022 15:33:45
Ana Pontón.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, denuncia que o Goberno do PP ten unha estratexia deliberada de peche dos PACs como un paso máis no desmantelamento da atención primaria e, pese a multitudinaria manifestación do pasado venres en Vilagarcía, esta mesma fin de semana volvían quedar sen médico ou médica os puntos de atención continuada en concellos da comarca do Salnés e Pontevedra como Sanxenxo, O Grove, Marín, A Parda ou Baltar. 

“O PP ten que escoitar o clamor social en defensa da sanidade pública que está dicindo basta xa de recortes e de deterioro e teñen que rectificar, pero lonxe de escoitar á cidadanía segue instalado na súa habitual prepotencia e quere normalizar que teñamos centros de saúde ou urxencias de primaria sen facultativo e iso é unha barbaridade”, criticou Pontón, quen advertiu contra a estratexia dos populares “de deteriorar os servizos de urxencias en primaria para despois xustificar o seu peche, poñendo en risco a saúde dos e das galegas”. 

A líder do Bloque denunciou que o PP segue ancorado na soberbia nada menos que nunha das cuestións que máis preocupan á cidadanía, “ignorando o reclama a maioría social que quere unha sanidade pública de calidade e sen listas de agarda”, e advertiu que “nin o BNG nin a sociedade imos asumir que se normalicen os recortes e o deterioro en atención primaria, por contra, imos defendela por terra, mar e aire, con uñas e dentes se fai falta, porque estamos falando dun piar do benestar e dunha conquista social”. 

Pontón tamén foi moi crítica cun Executivo que considera un luxo que haxa servizo de pediatría en todos os concellos galegos, pero anuncia un pelotazo fiscal para rendas que superan os 6 millóns de euros de patrimonio. “Un PP ao que se lle enche a boca falando da familia, pero despois considera que os nenos e as nenas deste País non poden ter pediatría no seu concello, no seu centro de saúde máis próximo, que queira normalizar eses recortes e a continuación facerlle un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás 7.700 persoas máis ricas de Galiza, cantidade coa que se podería contratar a 700 médicxs en atención primaria”, argumentou. 

Neste sentido, a líder nacionalista tamén advirte que nin o BNG nin a cidadanía vai aceptar como normal que haxa listas de espera de até dúas semanas para ter cita presencial no centro de saúde, que se esconden as listas de espera nas especialidades, nin dar por inevitable a estratexia de acoso e derribo da atención primaria. 

Ao contrario, e por iso Pontón avanzou que o Bloque rexistrou a solicitude de comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, para que explique tanto o que pasa  no Salnés, -“convertida en zona cero do desastre que os recortes provocan en primaria”-, como no conxunto do País. Pontón, ademais, algunhas das propostas orzamentarias do BNG de cara ás contas públicas de 2023. 

Entre elas, incrementar nun mínimo do 2,2% os recursos en atención primaria, porcentaxe que significa un investimento adicional superior aos 200 millóns de euros, o imprescindible para colocar Galiza na medida estatal de investimento en primaria. Pese  á dispersión e ao envellecemento da poboación, “estamos á colado Estado”, lamentou. Igualmente, solicita a retirada do pelotazo fiscal de 34 millóns de euros, e destinar eses recursos a reforzar os centros de saúde. 

O Bloque tamén propón fortalecer atención primaria con novas especialidades como psicoloxía clínica ou fisioterapia, entre outras, “porque no BNG pensamos que hai que ir en dirección contraria á que ten tomado o PP,  hai que ir a reforzar atención primaria, con máis persoal, máis medios e máis fondos, porque estamos falando do corazón do sistema público de saúde”, concluíu. 

A preguntas dos medios, Pontón considera que a visita do presidente da Xunta a Arxentina e Uruguai “é insubstancial, de mera promoción persoal pero que non aporta nada para solucionar os problemas da emigración”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias