BRUXELAS | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, participaron na Conferencia de Mulleres organizada pola Alianza Libre Europea (ALE), en representación do Bloque e como mostra do firme compromiso coa igualdade e o feminismo por parte do Bloque Nacionalista Galego.
Na xornada celebrada hoxe no Parlamento Europeo, -inaugurada pola propia Ana Miranda xunto á presidenta da ALE, Lorena López Lacalle- participaron mulleres representantes de diversasformacións políticas de toda Europa. No transcurso do encontro aprobouse o manifesto “Europa será feminista ou non será”. “Necesitamos unha lexislación máis ambiciosa que inclúa todos os tipos de violencia de xénero”, manifestou a eurodeputada do Bloque, quen sinalou que a manifesto defende que a violencia de xénero se considere un “eurocrime”.
Miranda e Santos salientaron que o BNG é unha forza política na que a igualdade entre homes e mulleres é “un compromiso real”, no que existen grandes referentes no liderado político da organización co máximo expoñente na Portavoz Nacional, Ana Pontón, así un grupo parlamentar no Parlamento Galego encabezado por dúas mulleres e que exercen o liderado da oposición. O BNG conta igualmente con deputadas nas Deputacións provinciais, alcaldesas e concelleiras, “que son a cara visible das mulleres do BNG, ademais de ser referentes polo seu gran traballo”.
“Para min foi unha honra poder representar ao BNG nesta conferencia e poñer en valor o noso traballo feminista dentro da organización e tamén desde as alcaldías, dando exemplo de que as mulleres non só ocupamos cargos institucionais senón que así mesmo exercemos políticas feministas que contribúen a xerar unha igualdade entre todas as persoas”, destacou a alcaldesa de Moaña, quen tivo un relatorio sobre a política municipal en clave feminista.
Leticia Santos explicou que o goberno municipal de Moaña, bipartito e composto por 5 homes e 5 mulleres, desenvolve unha política municipal feminista, xa que todas as áreas de goberno teñen unha importante carga de igualdade, desde o urbanismo ata a facenda, desde a cultura ata as políticas de contratación, de forma que a igualdade entre homes e mulleres “é un área transversal a toda a acción de goberno”, xa que as decisións adóptanse por consenso, en reunións coordinadas de todo o goberno; apóstase pola formación en igualdade do noso persoal, elabóranse Municipais de Igualdade contando coas opinións do persoal e tratando de que participen, e se implementan as cuestións que se inclúen no mesmo.
“Se no 2015, a maioría da veciñanza de Moaña opinaba que unha muller tan nova e sen experiencia previa podía ter dificultades para gobernar o Concello, creo que co tempo, esas mesmas cualidades sumadas ao traballo en equipo, eficiente e comprometido, acadou a visión contraria, e fixo que moitas persoas empatizasen co que represento”, concluíu a alcaldesa nacionalista. Departamento de comunicación