El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación presenta un orzamento de 207,2 millóns

Centrado na creación de emprego, a protección social e a loita contra o despoboamento do rural.

21-11-2022 15:25:56
Valentín González Formoso (c).

A CORUÑA | A Deputación da Coruña presentou hoxe os Orzamentos 2023, que ascenderán a 207.198.000 euros, un 9,4% máis que o presente exercicio e manteñen a situación de “débeda cero” dos últimos oito anos. “Son os orzamentos máis altos da historia da Deputación e teñen como prioridades a creación de emprego e actividade económica na provincia, o reforzo dos programas sociais e a loita contra o abandono do rural”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso, na súa comparecencia ante os medios xunto aos deputados de Economía e Facenda, Antonio Leira, e Igualdade,  María Muíño, para presentar as contas do Goberno provincial, que se someterán á aprobación da corporación no pleno este venres, 25 de novembro.  

No que será o último orzamento do presente mandato, Formoso fixo balance do conseguido nestes anos, co contexto socioeconómico máis complexo das últimas décadas “marcado pola pandemia e as consecuencias inflacionistas da guerra de Ucraína”. Un “contexto moi difícil” no que a Deputación soubo “entender o que lle importa á xente” e “facer políticas apegadas á realidade”. “Viñemos a revolucionar esta casa hai dous mandatos e así o fixemos. Levamos oito anos de políticas pegadas á realidade e convertemos esta Deputación, que xa era imprescindible para os concellos, nunha  institución tamén indispensable para a xente, para o conxunto sociedade”, afirmou. 

“Demostramos que é posible outra forma de gobernar”, afirmou Formoso, que destacou que “mentres a Xunta de Galicia baixa impostos aos máis ricos, elimina a Tarxeta Básica, ou deixa sen axudas aos sectores afectados pola guerra de Ucraína”, a Deputación da Coruña “adaptou todos os seus plans e  programas de investimentos para atender a situación económica máis difícil en décadas”.


Creación de 5.376 empregos 

Como exemplo citou a ambiciosa aposta polo emprego que supuxo a creación do PEL. “Cando chegamos ao goberno, a Deputación só investía 900.000 euros para a contratación de cuadrillas de traballadores durante os meses de verán. Hoxe, tras un investimento de 106 milllóns de euros, temos un Plan de Emprego que permitiu a contratación de 5.376 persoas, apoia a 2.062 empresas e impulsa o traballo de 150 emprendedores e emprendedoras na súa Rede de Coworking”, afirmou Formoso, que subliñou as 4.472 axudas concedidas, por importe de 20 millóns de euros, a pequenas empresas dos sectores máis afectados pola pandemia e a guerra de Ucraína, como o agrogandeiro, a pesca, o transporte ou a hostalaría, nun esforzo económico sen precedentes da Deputación da Coruña.   

O presidente destacou que, en 2023, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa de novo seu orzamento inicial un 4%, ata os 12.900.000 euros, reforzando programas como o PEL-Autónomos e PEL-Pemes, que contarán con 5,5 millóns de euros destinados a apoiar as contratacións no sector privado e a subvencionar a cuota de autónomos á Seguridade Social. O programa de apoio ao emprendemento (PEL-Emprende) contará cun orzamento de 2.760.000 euros e o de contratacións nos concellos (PEL-Concellos) contará con 3.295.000 euros.   

Na área de Benestar Social, “outra das bandeiras da Deputación”, Formoso destacou que o Goberno provincial incrementou o investimento nun 137% nos últimos anos para atender as necesidades que emerxeron coa pandemia e a guerra de Ucraína. “Programas como o de servizos sociais comunitarios pasaron de 4 a 8,6 millóns de euros anuais de orzamento, o que permite contratar a 177 profesionais nos concellos e financiar 386.000 horas de axuda no fogar”, afirmou. Tamén destacou o Fondo Social do POS+, creado no ano da pandemia e que leva investido máis de 28 millóns nos concellos para axudar na atención aos colectivos máis vulnerables, ou e o incremento nun 20% do orzamento do programa de Teleasistencia, que atende xa a 3.200 persoas maiores da provincia. 

Este ano, o orzamento da área de Benestar Social volve subir un 7,6% ata os 22.875.000 euros e inclúe 7 millóns de euros para gastos sociais no POS+2023, 864.000 euros para o servizo de Teleasistencia (+20%) e 4,6 millóns para subvencións a entidades sociais para contratar persoal, mellora os seus centros ou impulsar programas de rehabilitación, tratamento e inserción sociolaboral que melloran a vida de miles de persoas.


Plan Único: 578 millónse 3.000 obras nos concellos 

Finalmente, Formoso destacou os 578 millóns investidos a través do Plan Único nos 93 concellos coruñeses desde a súa creación en 2017, o que supón multiplicar por cinco os fondos destinados aos concellos polo antigo Plan de Obras e Servizos (POS). “O Plan Único permitiu a aprobación de máis de 3.000 obras que melloran as infraestruturas e servizos  dos concellos e ao mesmo tempo axudan a crear emprego”, afirmou o presidente, que destacou que no escenario actual “no que a inflación pulveriza as previsións, o POS+ incrementa nun 10% o orzamento dedicado a financiar obras nos municipios” co obxectivo, unha vez máis, de “adaptarse á realidade”.  

A deputada de Igualdade, María Muíño, insistiu en que "se por algo se caracteriza este orzamento, tendo en conta que vimos de pasar unha pandemia e estamos ante unha crise de prezos, é pola capacidade e sensibilidade que temos á hora de definir cara a onde deben dirixirse as nosas liñas de traballo e os nosos esforzos". Neste sentido, María Muíño fixo especial fincapé en que "estamos ante uns orzamentos ambiciosos e expansivos, que se incrementa en todas as áreas, pero que se centran en piares fundamentais como o fortalecemento da financiamento aos concellos a través do Plan Único, no apoio ao emprego no territorio a través do PEL, e en fomentar políticas sociais de base". "Un apoio" que segundo lembrou María Muíño "se materializa sempre a través de criterios obxectivos e transparentes, e que permiten que os concellos conten coa posibilidade de anticipar e planificar as súas propias liñas de acción". Ademais do apoio aos concellos, a deputada de Igualdade fixo referencia ao "apoio que prestamos a todas as entidades locais que traballan no territorio, a través de campos tan diversos como o deporte, a cultura ou a igualdade, ás que lle estamos achegando un importante apoio económico para que desenvolvan programas e actividades, máis tamén para que poidan realizar investimentos".  

María Muíño citou a modo de exemplo as liñas de traballo postas en marcha na área de Igualdade durante o presente mandato para dotar de persoal técnico cualificado aos concellos para que dispoñan de recursos de cercanía, salientando datos tan tanxibles como pasar dos 2 concellos que contaban con axente de igualdade, aos 18 concellos actuais en tan só tres anos. Tamén mencionou as políticas culturais e de turismo destinadas a poñer en valor o territorio e fomentar o emprego. 

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, incidiu en que se trata duns orzamentos “ambiciosos, responsables e apegados á realidade”, nos que se mantén a situación de “débeda cero” desde hai sete anos e no que “sobe o orzamento de todas as áreas”. Leira destacou que a aprobación dos orzamentos “permite aos concellos saber, o 1 de xaneiro, que achega lle corresponde da Deputación” e puxo en valor o soporte que a institución provincial da aos municipios na asistencia xurídica, contable, técnica ou informática.  

O deputado subliñou tamén que a Deputación prevé un gasto de 10 millóns de euros en 2023 para manter os centros educativos que dependen da institución provincial (IES Rosalía Mera e IES Puga Ramón), a pesar de que a educación “é competencia exclusiva da Xunta de Galicia”.


Principais partidas por áreas  

No mesmo pleno de Orzamentos, a Deputación aprobará as bases e a primeira achega do Plan Único (POS+2023), cun orzamento inicial de 47 millóns de euros. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente ao longo do ano para chegar a entre 90 e 100 millóns de euros de investimento en obras e servizos en todos os concellos da provincia.  

O Plan Único manterá tamén a nova dimensión social que adquiriu durante a pandemia. O POS+ 2023 contará de novo cun Fondo Social de 7 millóns que os concellos deberán investir exclusivamente en fins sociais como o financiamento dos servizos de atención a a maiores e dependentes, axudas de emerxencia social, apoio a colectivos vulnerables, axudas para escolarización, etc. 

O orzamento da área de Vías e Obras increméntase un 2,87% ata os 19.415.267 euros, cos que se financiarán obras e melloras nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. O Plan de Conservación (14,2 millóns), os Plans de Sendas e Travesías (2.260.000 euros), o de mantemento de desbroce (3,7 millóns) e o Plan VIP de investimentos (1,7 millóns) son os principais programas consignados.  

A Deputación incrementa tamén o investimento nas áreas de Cultura (10.281.800 euros) e Deporte (5.541.550 euros) cos que financiará programas fundamentais para os concellos coma a Rede Cultural,  con 2 millóns de euros para financiar o maior programa de actuacións culturais da provincia, ou o apoio que a Deputación presta á Orquestra Sinfónica de Galicia, con 1.500.000 euros. As bolsas para estudos de investigación e artísticos, que se incrementaron un 30% neste mandato, manteñen 479.500 euros nos Orzamentos 2022. 

No eido do Deporte, a Deputación destinará en 2023 unha partida de 1 millón de euros para financiar a contratación de técnicos deportivos nos concellos coruñeses (72 concellos contan a día de hoxe cun técnico de Deportes contratado pola Deputación), 3.375.000 euros para subvencións a clubs e entidades sen ánimo de lucro para promoción e fomento do deporte (624 entidades reciben este ano o apoio da Deputación) e 600.000 para actividades propias que inclúen os campamentos deportivos (1.340 participantes), campaña de esquí para 600 escolares da provincia, bandeira de traíñas, carreiras populares en 30 concellos da provincia, campeonatos de fútbol alevín, etc.   

A Deputación consigna 5.815.080 euros (+14%) para a área de Turismo, na que se inclúen os Plans de Sostenibilidade Turística (PSTD) dos destinos Xeoparque Cabo Ortegal (597.080 euros) e Fragas do Eume (560.000 euros), así como 1,3 millóns para axudas a asociacións na mellora da calidade e competitividade turística e 1,4 millóns para apoio aos concellos en materia de promoción turística.  

Na área de Promoción Económica, cun orzamento de 9.317.262 euros, a Deputación contempla unha achega de 4.302.023 euros ao Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento para financiar (ao 50% coa Xunta de Galicia) o funcionamento dos dez parques comarcais de bombeiros da provincia e reserva 506.995 euros para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago. A achega para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) será o vindeiro ano de 1.292.000 euros (+28%), que inclúe a nova base de Noia, mentres que as axudas a Protección Civil soben un 8% ata os 190.000 euros. Soben tamén as achegas para subvencións a confrarías de pescadores a 511.000 euros (+5,7%), e mantéñense as de fomento do sector agrícola e gandeiro (613.000 euros) e contratación de socorristas (306.000 euros). 

Na área de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente destaca unha nova partida de 1 millón para a recuperación das baterías de costa de Ferrol, Ares e Valdoviño, o programa de limpeza de praias con 900.000 euros, 524.000 para apoio a comunidades galegas no exterior e ONG, 1,2 millóns para programas de protección do Medio Ambiente de concellos e entidades e 500.000 euros para impulsar a mobilidade ciclista na provincia. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias