El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

EUROCÁMARA | BNG

O BNG respalda na Eurocámara a aprobación dunha renda mínima que garanta a inclusión social

15-03-2023 17:29:59
Ana Miranda.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou hoxe a favor dunha directiva sobre a renda mínima que garanta un nivel de vida mínimo e a reinserción dos traballadores que se atopan fóra do mercado laboral. O informe aprobado na Eurocámara -con 336 votos a favor, 174 en contra e 121 abstencións-, tamén busca facer estes programas máis accesibles para todas as persoas ás que van dirixidos até acadar polo menos o limiar de risco de pobreza.  

“Diante dos índices de pobreza que temos no Estado español e en Galiza en particular é lamentable que o PP non defenda afondar nas medidas efectivas para paliar a crise nas persoas máis vulnerables”, salientou a eurodeputada do Bloque, en referencia ao voto emitido polos populares en contra de apoiar unha directiva vinculante sobre a renda mínima.  

Precisamente o grupo no que se integra o BNG na Eurocámara -o grupo Verdes-Alianza Libre Europea- pediu en reiteradas ocasións á Comisión que presentase unha iniciativa en forma de Directiva co obxectivo de garantir que todas as persoas teñan garantidas prestacións que permitan unha vida digna, especialmente as mulleres como grupo máis afectado pola pobreza e o risco de exclusión social.


Índice de pobreza 

Segundo Eurostat, en Galiza, 680.000 persoas viven nunha situación de risco de pobreza ou exclusión social, isto é, a taxa AROPE é do 25,2%.  Ademais, o acusado envellecemento da poboación no noso país non se ve compensado con pensións dignas, xa que 356.299 persoas reciben unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (681€ ao mes no 2021), de forma que case a metade, o 46,3 % de todas as pensións percibidas, están por baixo do limiar de pobreza. Outra cuestión estrutural que incide no aumento da pobreza refírese á vivenda. En Galiza, o 5,4 % da poboación ten gastos de vivenda superiores ao 40% da súa renda dispoñible, e entre as persoas pobres, a cifra alcanza ao 24,8%.  

Nese mesmo período, na UE máis de 95 millóns de persoas estaban en risco de pobreza ou de exclusión social o que equivale ao 21,7 % da poboación. A resolución lembra os obxectivos do Cumio do Porto de redución de 15 millóns de persoas en situación de pobreza ou de exclusión social para 2030, lembrando que non se alcanzaron os obxectivos de 2020.  

O BNG leva desenvolvido múltiples iniciativas encamiñadas a garantir a inclusión social. Neste sentido, xa en maio de 2019 Ana Miranda defendeu a implantación do salario mínimo europeo, baseado no pilar europeo de dereitos sociais aprobado pola Eurocámara na pasada lexislatura, co obxectivo de que as persoas que traballan non estean en condicións de pobreza. Igualmente, tanto no Congreso como no Parlamento Galego o Bloque ten defendido diversas medidas para crear unha rede de protección social ante o incremento da pobreza e a desigualdade en Galiza. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias