REDACCIÓN | Nove curtametraxes, catro documentais e dúas longametraxes forman a programación da primeira edición do Norte Cinema Diverso, que se celebrará no teatro Colón da Coruña o venres 21 de abril (en sesión de tarde) e o sábado 22 de abril (en sesións de mañá e tarde).
Norte Cinema Diverso conta coa colaboración do concello da Coruña e a cinemateca da fundación Pedro Zerolo. As madriñas do certame son o seu patrocinador, Bodegas Martín Códax, que dará nome ao premio Marieta Martín Códax á mellor curtametraxe, e colectivos como Fundación 26D, Les Coruña, Corufest, Orgullo Coruña, PVLSE, CUACFM, Casco Orgullo Valmiñor e Equipo Des.
Segundo o codirector do festival, Fernando Cayazzo, “a través do cinema destruímos prexuizos e reflectimos a loita do colectivo mediante a creación de referentes e a achega de visibilidade ás vidas e historias das persoas LGTBIQ+”.
As entradas pódense comprar de forma anticipada na páxina web do teatro Colón a un prezo de tres euros a sesión. A quenda do sábado pola mañá, que incluirá a proxección de seis curtas, será de balde. A organización convidará a centros escolares da cidade coa idea de encher o teatro na mañá do sábado. “O obxectivo da Asociación Palestra é que os traballos da mostra cheguen a toda a cidadanía, especialmente aos centros educativos”, sinala Fito Ferreiro, codirector do Norte Cinema Diverso. Departamento de comunicación