REDACCIÓN | A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado hoxe a moción presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e o BNG contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos. A proposta, presentada con motivo do Día Internacional Contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres e Menores contou cos votos favorables de todos os grupos e a abstención do PP.
A proposta ten como obxectivo alcanzar unha serie de acordos que permitirán seguir traballando desde Galicia na erradicación da explotación sexual e a trata de mulleres. Deste xeito, acordouse que a Deputación da Coruña se adhira á rede de cidades/pobos libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución e estreite a colaboración coas organizacións e colectivos que prestan servizos de asistencia ás vítimas de explotación sexual.
O obxecto desta iniciativa é xerar conciencia social contraria á compra e consumo de prostitución mediante campañas de sensibilización orientadas a alertar sobre as consecuencias da explotación sexual e a responsabilidade dos comportamentos individuais de quen acode a ela.
Por outra banda, a Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a presentar un informe de seguimento da execución do I Plan Galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, no que se contemplan unha serie de medidas agrupadas en cinco áreas estratéxicas para avanzar na prevención e sensibilización social.
Solicita tamén que a Xunta entregue no Parlamento de Galicia un informe con datos e estatísticas actualizadas sobre a magnitude da trata con fins de explotación sexual e a prostitución en Galicia. Reclámase, ademais, a posta en marcha de actuacións para perseguir as accións de proxenetas e tratantes de seres humanos con fins de explotación sexual que permitan desincentivar a demanda e a compra de prostitución, dentro do marco legal e en colaboración con outras administracións.
Por último, ínstase a por en marcha, de maneira inmediata, mecanismos de participación para que a sociedade civil poida denunciar ás plataformas en liña ou a calquera outra rede tecnolóxica que promova ou favoreza a prostitución.
Outras mocións
O pleno aprobou por unanimidade a moción de Alternativa dos Veciños para realizar actuacións de control de expansión da planta exótica invasora plumero da pampa, de forma que nos pregos de contratación para o mantemento das estradas se recolla a obriga da eliminación manual dos plumachos con medios mecánicos ou tratamentos silvícolas.
Con 17 votos en contra e só os 14 votos favorables do Partido Popular a favor, o pleno rexeitou a moción do PP sobre a posible tramitación dunha Lei de Amnistía. A corporación rexeitou tamén a moción presentada polo PP sobre estradas provinciais. O pleno aprobou tamén por unanimidade dúas declaracións institucionais en solidariedade co pobo de Marrocos e Libia, tras os últimos desastres naturais que sufriron eses países. Departamento de comunicación