REDACCIÓN | O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo hoxe un encontro co candidato á investidura, Pedro Sánchez, ao que trasladou a “vontade do BNG de diálogo e de negociar un Acordo se hai un compromiso firme coa Galiza, coa Axenda galega, e cunha Axenda social avanzada”. Rego afirmou que “imos ser moi claros e moi exixentes cos compromisos co noso país” e engadiu que “non se pode dar por sentado o voto do BNG”.
O deputado do BNG cualificou a reunión de “cordial” e informou que trasladou a Pedro Sánchez as principais propostas do BNG, sinalando que serán os equipos do BNG e do PSOE os que negocien polo miúdo a partir da vindeira semana. Insistiu en agardar á evolución das negociacións para ver de “materializar na práctica os compromisos que permitan facer avanzar a Axenda galega”.
Avanzar na axenda galega: Galicia non pode quedar atrás
Enumerou algunhas das propostas explicadas ao candidato socialista á investidura como “un financiamento máis xusto para Galiza, aumentar os investimentos para paliar o défice histórico do noso país, melloras nos servizos ferroviarios e a demanda da creación das ¨”cercanías”, políticas ambientais como o saneamento das rías e dos ríos, atención á crise industrial, estabelecer unha transición xusta despois do feche das dúas centrais térmicas e máis xulgados de violencia de xénero”, entre outras demandas.
Loxicamente a AP-9 forma parte das reivindicacións e lembrou que a transferencia desta autoestrada “foi votada no Parlamento galego por unanimidade das 3 forzas políticas. Aquí fica pedir coherencia”. Fixo especial énfase na necesidade de completar as transferencias pendentes que están recollidas no Estatuto de Autonomía de Galiza. E no relativo á posibilidade de modificación da estrutura do estado para adecualo á plurinacionalidade existente, Rego reivindicou o mesmo trato e o mesmo status para Galiza que as outras nacións, Catalunya e Euskadi.
Propostas en materia social
O deputado do BNG avanzou tamén parte das propostas en materia social: aumento das pensións mínimas porque “reducen a fenda de xénero”, derrogar a reforma laboral para recuperar a indemnización por despedimento de 45 días, a suba do SMI ou a derrogación íntegra da Lei Mordaza. Departamento de comunicación