El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Os orzamentos de 2024 incluirán o acordo de mellora da educación

15-10-2023 13:18:44
Román Rodríguez (d).

REDACCIÓN | O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 incluirán xa o acordo de mellora da educación asinado esta semana coas organizacións sindicais. 

Nunha entrevista no programa Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega, o titular de Educación explicou que as contas do seu departamento incorporarán xa as partidas precisas para que dito acordo comece a aplicarse de xeito inmediato. “Queremos que as primeiras medidas sexan efectivas desde o 1 de xaneiro”, afirmou en relación ás cuestións relacionadas coa carreira profesional. De feito, resaltou que os complementos retributivos vinculados aos sexenios premiarán o esforzo dos profesores por formarse permanentemente “porque iso repercute positivamente no alumnado”. 

En opinión do conselleiro, este “histórico” acordo vai ter unha “grande transcendencia” tanto na organización como na calidade do ensino, que suporá “un antes e un despois”. Así, sinalou que permite “adiantarse ao futuro para manter un bo sistema” como o que Galicia ten actualmente. “Vaise notar nos vindeiros anos”, declarou, e enumerou o seu “impacto moi positivo” en aspectos como “o rural, as plantillas de profesorado, o fomento da atención á diversidade e as condicións de traballo dos docentes”.  


Punto e seguido 

Explicou que a progresividade de medidas como a baixada das rateos en todos os niveis educativo é necesaria para dar estabilidade ao sistema e defendeu a importancia de que o profesorado traballe cunha boa formación, novas metodoloxías, recursos suficientes ou espazos adecuados, ademais do horario lectivo, unha cuestión que se continuará abordando no futuro. “Isto non é un punto final, senón un punto e seguido”, resumiu. 

O conselleiro quixo agradecer novamente aos sindicatos que buscaron o acordo a súa “responsabilidade e altura de miras. Pensaron no que importa: a educación”. E puxo de manifesto que todos “queremos o mesmo: que a nosa educación sexa modélica en moitos aspectos e que o alumnado saian coas mellores competencias e destrezas”.  

Román Rodríguez anunciou tamén a que a Consellería xa comezou a traballar na redución das tarefas burocráticas que asume o profesorado, unha das cuestións pactadas coas organización sindicais. De feito, indicou que houbo as primeiras reunións coa Xunta Autonómica de Directores, a quen se solicitou que formulen medidas sobre aqueles aspectos que se deben cambiar, algo ao que tamén se incorporará agora ás organizacións sindicais. “Todos queremos reducir o tempo que o profesor ten que atender aos trámites e papeleo para dedicalo a formar os seus alumnos”, indicou. 


Reforma da ABAU  

Noutro orde de cousas, o conselleiro referiuse tamén á situación da reforma da ABAU, que cualificou de “disparate”. Neste senso, considera que o Goberno central está facendo “abandono de funcións coa escusa de estar en funcións”. Coa última proposta, advirte: “Non só non corrixen as desigualdades de base, senón que as incrementan”. E sumouse á petición das universidades galegas, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), dunha maior concreción para os estudantes e docentes afectados. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias