REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración da Reunión de Presidentes de Federaciones y Asociaciones – Galiforum, impulsada pola Federación de Autónomos de Galicia e Cambre Empresarial no Pazo de Mariñán. Durante o acto interviron tamén Francisco Javier Pérez Bello, presidente de FEAGA, e Rafael Penide, presidente de Cambre Empresarial.
Formoso destacou “a importancia das administracións públicas á hora de servir como impulso e non como un freo para as persoas autónomas” e subliñou “a importancia de axilizar os trámites burocráticos para mellorar o servizo e a economía nos distintos sectores”.
O presidente provincial recordou que “o sector dos autónomos é clave para Galicia, posto que é un unha das zonas de España con máis representación sobre o total de traballadores. O 20% dos empregos son profesionais autónomos”, apuntou Formoso, que lembrou que “durante o ano 2022 perdéronse 2.000 autónomos e autónomas Galicia, unha perda que se vén sucedendo nos últimos anos e necesita un plan de acción para reverter a situación”.
“A cadea do proceso produtivo na nosa Comunidade está construída a través de autónomos. Temos que ser conscientes de que para realizar a rehabilitación dunha vivenda teñen que participar un topógrafo, un arquitecto, un aparellador, un transportista, un albanel, un pizarreiro e mesmo un tomador de seguros, e que todos eles son autónomos. Por iso é necesario tomar unha fotografía real da situación actual e actuar en consecuencia” concluíu Formoso, que destacou que a ralentización de proxectos por parte da administración inflúe sobre a actividade de múltiples profesionais.
FEAGA
O presidente de FEAGA, Francisco Javier Pérez Bello, pola súa banda, destacou que “os autónomos somos un colectivo moi castigado no tecido empresarial do noso país, a pesar de supoñer o 20 % do PIB”. “Sufrimos o bucle de produción, posto que moitos de nós traballamos para empresas máis grandes e somos o último elo da cadea de contratación” engadiu Pérez Bello, que sinalou como principais problemas do colectivo a falta de renovación xeneracional, a inflación, a presión fiscal e a burocratización dos procesos administrativos”, afirmou.
O obxectivo deste encontro é conseguir unha rede de conexión entre os autónomos e as autónomas de Galicia pertencentes a todos os sectores, sexan grandes entidades ou pequenas empresas, coa intención de acadar solucións, reinventarse e seguir mantendo o funcionamento do tecido produtivo.
A creación de emprego, un dos eixos estratéxicos da Deputación
A Deputación considera a creación de emprego como unha das súa prioriodades de acción. Programas como o Plan de Emprego Local permitiron a creación de máis de 6.000 postos de traballo durante os últimos oito anos. Moitas das axudas concedidas por parte da entidade provincial nestes últimos anos están dirixidas a persoas autónomas, destinando máis de 27 millóns de euros a apoiar un total de 4.196 proxectos pertencentes aos sectores máis afectados pola pandemia, como o da hostalaría ou o transporte.
Ao longo do ano 2023 a entidade provincial realizou importantes investimentos para apoiar a este sector, como o programa PEL – Autónomos, que conta cun orzamento de 7,65 millóns de euros, incrementándose nun 5,43 % con respecto ao ano anterior. Estas subvencións son axudas directas a autónomos e autónomas para sufragar, entre outras cousas, as cotas da Seguridade Social, algo moi demandado polo colectivo.
Mulleres empresarias
A xornada deu comezo ás 9 horas, coa entrega da documentación aos asistentes e a benvida a cargo de Francisco Javier Pérez Bello, presidente de FEAGA, que presentou o Informe de Autónomos 2023. A primeira das exposicións do día, “¿Hacia donde caminamos?” correu a cargo de Venancio Salcines, economista, empresario, director de CESUGA e presidente da Escuela de Finanzas. Foi presentado por Ángel Manuel Lodeiro Lodeiro, vicepresidente de Cambre Empresarial.
A seguinte das actividades realizadas foi a mesa redonda “Las mujeres como autónomas, retos y dificultades”, moderada por Rosa María Triay, secretaria xeral de FEAGA. Participaron Teresa Martínez Castro, da xunta directiva de Empresarias Galicia, Noemí Bellas Mella, CEO de Líbolis e Nuria Fernández Sánchez, secretaria Xeral de CC.OO. – Industria.
Por último, realizáronse as propostas dos autónomos e a presentación da Feria de Autónomos 2023 a cargo de Francisco Javier Pérez Bello, presidente de FEAGA e Rafael Penide, presidente de Cambre Empresarial. Despois da clausura da xornada, realizouse un almorzo no que as persoas asistentes puideron compartir as súas experiencias e compartir experiencias para mellorar os seus proxectos empresariais. Departamento de comunicación