REDACCIÓN | Arroupada por mulleres militantes e con cargos políticos e nas institucións, a portavoz nacional formalizou hoxe a presentación da súa candidatura para a presidencia da Xunta dentro do proceso aberto polo BNG. “O cambio galego está en marcha, imparable, e aspiro a ser a presidenta que lidere ese cambio, desde a esperanza, desde a confianza, ao lado de toda esa cidadanía que quere abrir un tempo novo”, proclamou Ana Pontón diante dun auditorio ante o que se presentou “con toda a humildade pero con toda a ambición de querer poñer en marcha unha Galiza mellor para todos e todas” e de facer historia como primeira presidenta do País.
Nun acto cargado de emotividade no que as mulleres foron as protagonistas, Pontón, “a neta de Carmen, a filla de Aurita e nai de Icía”, asegurou encarar o “reto máis grande da súa vida” coa “man tendida” e convencida de que hai unha maioría de galegos e galegas que queren unha Galiza nova “na que vivir e traballar con dignidade, con servizos públicos de calidade, con benestar social”. “Aspiro a ser presidenta para mellorar a vida da xente nun País no que soñar e con oportunidades para facer realidade os nosos soños”, declarou.
“Somos un gran País e merecemos moito máis”, afirmou para explicar que o seu obxectivo é ser a presidenta de todos e todas, “sexa cal sexa a maneira que cada quen teña de sentirse galego e galega, porque todas son necesarias, porque somos unha sociedade plural, aberta e tolerante”. “Toca pasar páxina, toca cambio e toca darlle a Galiza a primeira presidenta da súa historia, coas mans libres para construír un País en grande” no que, insistiu, as persoas sexan o primeiro. De aí o seu compromiso de fortalecer os servizos públicos, porque “co importante, a sanidade, a educación dos nosos fillos e fillas ou a protección de quen máis o precise, nin se xoga, nin se recorta nin se privatiza nin se fai negocio”.
A súa ambición, subliñou, é poñer a riqueza do País a favor da maioría plantando cara aos aos lobbys económicos “que queren facer negocio roubando o vento, a enerxía e a riqueza” dun pobo “de xente traballadora e honesta” , para o que considerou preciso avanzar nunha Galiza con maior capacidade de decisión “para que as decisións que nos afectan non se tomen nun despacho a seiscentos quilómetros e, na maioría das veces, vaian contra os nosos intereses”.
Convencida de que o cambio é imparable e de que é o momento no que as mulleres se poñan ao fronte do País, Pontón da un paso adiante para construír unha Galiza feminista, coa confianza de ter o apoio das mulleres que queren avanzar en igualdade e en dereitos, “pero tamén de todos os homes, que son a inmensa maioría, que queren camiñar con nós”.
Salientou, por outra banda, o seu firme propósito de traballar arreo para darlle á mocidade “a oportunidade de facer realidade os seus soños” nun País con futuro no que podan ter traballo, salarios dignos e vivenda. A mesma determinación apuntala o seu compromiso cos maiores que, destacou, “teñen dereito a unha vellez tranquila, sen sobresaltos, con calidade de vida e cos coidados que se merecen sexan cales sexan os seus ingresos, no seu fogar, no seu entorno”.
A Galiza que quere Ana Pontón está orgullosa da súa lingua e da súa cultura, polo que outra das súas tarefas como presidenta será o apoio aos creadores e creadoras, cuxo talento louvou como ingrediente preciso para “xerar benestar, cohesión social e pensamento crítico, e para facernos un pouco máis felices”.
Pontón debullou a súa folla de ruta para un País cun gran potencial e cheo de futuro no que acadar un “rural vivo, produtivo e habitado”, un País preocupado por coidar o seu medio ambiente, as súas rías e o seu litoral. Galiza, engadiu, ten que apostar polos seus científicos e científicas para colocar ao País á cabeza da innovación e loitar contra o cambio climático, “porque non temos un planeta de recambio”.
Quere ser, fixo fincapé, presidenta das persoas que levan Galiza “na cabeza e no corazón”, das que queren un país solidario ou “das que se esforzan cada día por sacar adiante o seu negocio, a súa empresa, por facer ben o seu traballo”. A súa aspiración é liderar un goberno “que se poña ao lado das persoas que coidan da súa familia, pero tamén miran polo seu entorno, polo súa veciñanza e o ben común”.
“Hoxe decido dar este paso adiante e presentar a miña candidatura á presidencia da Xunta con humildade, pero con toda a forza, con ideas e con proxecto para colocar Galiza entre as nacións máis avanzadas. Aspiro a ser presidenta para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, insistiu. Departamento de comunicación