El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | PARLAMENTO DE GALICIA

Formoso presenta o orzamento da Deputación para 2024: 222 millóns

03-11-2023 15:24:04
Valentín González Formoso.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña contará en 2024 cun orzamento de 222.151.200 euros, o máis alto da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio. Este orzamento récord terá como principais prioridades “a loita contra o despoboamento do rural, a xeración de emprego e o benestar social”. Así o explicou hoxe o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, durante a súa comparecencia anual ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para explicar as liñas mestras do proxecto de orzamentos do goberno provincial para 2024.  

Formoso, que encara o seu terceiro mandato consecutivo á fronte da institución provincial coruñesa, fixo balance do resultado dos principais programas postos en marcha durante a súa presidencia e avanzou algúns dos proxectos que o seu goberno prevé materializar en 2024 con cargo ás contas provinciais, coas que pretende impulsar “unha provincia próspera no económico, industrial, innovadora, verde, dixital e cohesionada social e territorialmente”. 

Neste sentido, avanzou que o goberno da Deputación traballa na elaboración da estratexia “Coruña Futuro”, que implica “o deseño dun marco de acción actualizado, adaptado e dotado de políticas que fomenten a cohesión do territorio, o benestar das persoas e que estimulen a innovación e o emprego”.  

“Os orzamentos da Deputación da Coruña para 2024 están dirixidos a desenvolver o gran potencial co que conta a nosa provincia e a crear un escenario de oportunidades para as novas xeracións de coruñeses e coruñesas, especialmente no rural, co ambicioso obxectivo de vencer o reto poboacional e demográfico”, afirmou Formoso, que defendeu a importancia que a creación de programas coma o Plan Único de Obras e Servizos (POS+) ou o Plan de Emprego Local (PEL) tiveron nos últimos anos para a creación de emprego, infraestruturas e oportunidades, en particular nos pequenos municipios da provincia. 


PEL, o maior plan de emprego dunha administración local en Galicia 

Neste sentido, destacou que a creación do PEL supuxo “un caso de éxito do que estamos orgullosos”. “Cun investimento de 125 millóns de euros para fomentar o emprego e o emprendemento, a Deputación da Coruña apoiou a 2.553 pequenas e medianas empresas, 1.843 autónomos e impulsou a creación de 6.119 empregos nos sectores público e privado nos últimos oito anos”.  

Formoso puxo tamén en valor os 20 millóns de euros que o PEL da Deputación investiu nos últimos tres anos en axudas directas ao sectores máis afectados pola pandemia e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína e que chegaron a 4.485 pemes, autónomos e profesionais de sectores tan diversos como a hostalaría, o transporte, a pesca, a gandería, a agricultura e incluso as orquestras.  

Unha actividade que se verá reforzada en 2024 cun incremento de máis dun 24 % no orzamento do Plan de Emprego Local (PEL), que contará cunha consignación de preto de 16 millóns de euros en 2024. 

Entre as partidas da área de Emprego para o vindeiro ano destaca o incremento nun 33% do orzamento destinado á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, un modelo pioneiro impulsado pola Deputación da Coruña que hoxe conta con 11 coworkings en funcionamento (Oleiros, Boiro, Brión, Carballo, Ames, Moeche, A Capela, Vedra, As Pontes, A Pobra e Miño) nos que preto de 300 emprendedores e emprendedoras da provincia fan realidade os seus proxectos e que, “grazas a este incremento orzamentario, seguirá medrando e chegando a máis concellos e emprendedores o vindeiro ano”.  


O Plan Único, unha “revolución” para o financiamento dos municipios 

Formoso destacou tamén a “revolución” que supuxo a posta en marcha do Plan Único (POS+), con 549 millóns de euros de investimento e 3.920 obras executadas nos concellos coruñeses nos últimos oito anos: “Hoxe, os concellos reciben ata catro veces máis fondos da Deputación e teñen total liberdade para decidir en qué os invisten”, resumiu o presidente, que anunciou orzamento inicial do POS+ en 2024 incrementarase nun 10% ata os 50,5 millóns de euros.  

Ademáis de financiar boa parte das obras e servizos públicos dos 93 concellos coruñeses, Formoso anunciou que POS+ 2024 contará de novo cunha partida específica de 7 millóns de euros para a ampliación e reforzo dos programas e servizos sociais dos municipios da provincia. “Desde a pandemia, o POS+ adquiriu unha nova dimensión social e levamos investido 35 millóns de euros na mellora dos servizos sociais municipais”, subliñou o presidente.  

Un investimento que complementa os 8,5 millóns de euros que a Deputación inviste cada ano no Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que en 2024 volverá a facilitar a contratación de preto de 180 profesionais dos servizos sociais nos concellos e o financiamento de máis de 411.000 horas de servizo de axuda no fogar (SAF) das que se benefician miles de persoas maiores ou dependentes nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia. 

No eido social, o presidente remarcou tamén que a Deputación apoiará de novo en 2024 a unhas 273 entidades sociais da provincia “para contratar persoal, mellorar os seus centros ou impulsar programas de rehabilitación, tratamento e inserción sociolaboral que melloran a vida de miles de cidadáns”.  


Unha gran aposta polo sector audiovisual galego en 2024 

Valentín González Formoso anunciou tamén que o vindeiro 2024 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial similar á que empregan grandes empresas como Amazon Studios AWS. 

Unha iniciativa que a Deputación construirá na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que “pretendemos posicionar á provincia da Coruña no Hub Audiovisual de Europa”, apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, “que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, ademáis de supor unha importante proxección exterior de Galicia”. 

No eido do apoio á industria e a innovación, Formoso apuntou tamén que a Deputación consigna nos Orzamentos de 2024 unha partida de 2,6 millóns de euros “para apoiar novos proxectos de carácter industrial que consideramos estratéxicos noutras comarcas, principalmente nos ámbitos da economía circular e a biotecnoloxía”.  


Mobilidade sostible e mellora da seguridade na estradas 

Valentín González Formoso apuntou que o Plan Director de Mobilidade da Deputación da Coruña supuxo a creación de 130 quilómetros de sendas ciclistas nos últimos anos, entre elas destacan a Senda ZEC nun entorno natural privilexiado como a Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo e a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que con 26 km de lonxitude é a maior de Galicia. 

Formoso explicou que a Deputación ten consignado o orzamento para executar en 2024 o último tramo da Vía Verde entre Oroso e Santiago e que o obxectivo do goberno provincial é que, neste mandato, “poidamos percorrer, a través das vías ciclistas da Deputación, a distancia que separa A Coruña de Santiago de Compostela”. 

Fomentar o turismo e o deporte, o coidado do medio ambiente e vertebrar as comunicacións do rural son os obxectivos do Plan Director de Mobilidade Sostible da Deputación. 

No apartado de vías provinciais, Formoso lembrou que a Deputación xestiona 2.100 quilómetros de estradas, unha distancia similar á que separa A Coruña de Amsterdam. En 2024, a Deputación destinará 23,3 millóns ao mantemento e mellora da seguridade de vehículos e peóns na rede provincial de estradas, un 20% máis que no presente exercicio.  


Melloras no financiamento da administración local 

Un ano máis, Formoso incidiu no problema que supón para concellos e deputacións asumir competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta de Galicia as dote do financiamento axeitado. 

Neste sentido, puxo como exemplo os perto de 14 millóns de euros que a Deputación destinará en 2024 a manter o funcionamento dos centros educativos de secundaria e FP (IES Puga Ramón e IES Rosalía Mera da Coruña) e os centros de atención a menores (Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña e Centro de Día de Menores de ferrol) que a Deputación segue xestionando ano tras ano, pese a tratarse de competencias de titularidade autonómica. O presidente denunciou que concellos e deputacións seguen asumindo competencias de titularidade autonómica “sen financiamento da Xunta e cun Fondo de Cooperación Local conxelado dende hai máis dunha década”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias