El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Imos ser moi esixentes con Pedro Sánchez"

16-11-2023 14:58:01
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu en Ourense que “hoxe empeza unha lexislatura na que imos ser moi esixentes con Pedro Sánchez” na defensa dos intereses dos galegos e das galegas. Pontón lembrou que o acordo do Bloque é só para a investidura e que, polo tanto, o voto nacionalista vai estar condicionado durante a lexislatura pola defensa da axenda galega e dos dereitos das maiorías sociais. 

“O goberno de Sánchez vai ter que gañar o voto do Bloque día a día e debate a debate”, incidiu para engadir a continuación que esta nova lexislatura abre moitas oportunidades para o BNG á hora de defender outros aspectos da axenda galega que non están recollidos no pacto de investidura. 

Pontón recalcou que o acordo logrado pola formación nacionalista demostra que “un deputado e unha senadora do BNG son máis útiles para Galiza que o resto ao servizo das forzas estatais”, que non poden presentar un acordo de investidura porque o seu voto “xa está entregado de antemán, uns a Sánchez e outros a Feijóo”. E é neste contexto onde, segundo subliñou, “o voto do BNG é o voto libre que defende os intereses dos galegos e das galegas e isto marca a diferenza”. 

Así se manifestou a líder nacionalista na presentación do acordo de investidura do BNG en Ourense xunto á senadora Carme da Silva e o portavoz municipal, Luís Seara, e na que salientou que a cidade, ao igual que o conxunto de Galiza, gaña con este acordo, “gaña coa política útil do BNG, que impulsa a axenda galega ante o Estado e mellora a vida das persoas”. 

Neste sentido, tanto Pontón como a senadora Carme da Silva salientaron o impacto positivo do pacto para Ourense, que mellora a súa mobilidade a través de importantes actuacións en materia de infraestruturas, empezando polos novos descontos na AP-53, unha rebaixa nas peaxes que suporá un desconto do 75% para os ourensáns e ourensás que de maneira habitual fan 20 viaxes a Santiago e que pasarán de pagar 12,80 euros por traxecto de ida e volta a 3,20 euros. 

A portavoz do Bloque cifrou en 200 euros mensuais o aforro para as e os usuarios recorrentes, unha contía que considerou de especial relevancia nun contexto de crise de prezos, e recordou que haberá tamén un desconto do 50% para as ourensás e ourensáns que teñan telepeaxe e fagan a viaxe de ida e volta de xeito máis puntual. 

“Estes descontos rompen coa discriminación que estaban tendo as e os usuarios desta vía”, afondou logo de indicar que a AP-53 terá así os mesmos descontos que o BNG xa conseguira na pasada lexislatura para AP-9, se ben a formación nacionalista seguirá a traballar por unha Galiza libre de peaxes. 

Pontón recordou que dende que se inaugurou a AP-53 ata agora, “houbo presidentes do PSOE e presidentes do PP” que tiveron toda a capacidade de aplicar rebaixas nesta autovía mais non o fixeron porque non había vontade política. “Esa vontade política é a que puxo sobre a mesa o BNG que consegue estes descontos que son moi importantes”, subliñou. 

A portavoz nacional tamén apuntou que o acordo recolle a recuperación de todas as frecuencias horarias suspendidas durante a pandemia, que afectaban especialmente a Ourense. “Non se pode perder o tren porque é o medio de comunicación do futuro”, insistiu, para engadir que en materia ferroviaria tamén se vai modernizar a liña entre Guillarei e Ourense, o que vai permitir que toda a conexión da zona sur, tanto de viaxeiros como de mercadorías, se homologue aos estándares europeos, o que considerou estratéxico para o desenvolvemento económico ourensán. 

Así mesmo, Pontón subliñou que a cidade contará con máis medios para loitar contra a violencia machista cun xulgado específico que se recollerá xa nos orzamentos de 2024, un xulgado cuxa importancia destacou tamén Carme da Silva, dado que o seu carácter específico suporá unha maior protección ás mulleres que sofren violencia machista e un impulso á axenda feminista galega.    

A todo isto sumou as melloras recollidas no pacto en materia de benestar social e que terán unha incidencia moi positiva sobre unha provincia cun alto nivel de envellecemento da poboación, como son a actualización das pensións de acordo ao IPC e o aumento das pensións non contributivas, as de máis baixa contía. 

“Esta é a política útil do BNG, que estou segura é a que valora a inmensa maioría dos galegos e das galegas, votasen a quen votasen nas pasadas eleccións xerais”, incidiu, para atribuír a continuación as críticas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que o acordo “é unha boa noticia para Galiza, pero unha mala noticia para o PP” porque evidencia a súa “incapacidade política” para defender os intereses galegos no Estado. “O que conseguiu a súa presidencia é o equivalente a 0, os méritos de Rueda son un conxunto baleiro para os galegos e as galegas”, concluíu. 

Pola súa banda, Luís Seara afirmou que “se o BNG está, Galiza está” e recalcou que os asuntos de Ourense estiveron perfectamente representados e defendidos na pasada lexislatura e “o van estar nesta a través da nosa representación tanto no Congreso como no Senado”. 

Seara cualificou de “fantástico” o acordo para Ourense, un pacto que sería imposible, dixo, sen a negociación levada a cabo polo BNG e que vai ter un impacto moi positivo para a cidade, destacando o novo xulgado específico para violencia de xénero, os investimentos en infraestruturas, as rebaixas nas peaxes ou a mellora na seguridade en vías como a N-120, a N-551 ou a A-52. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias