REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe en referencia á investidura de Pedro Sánchez que, fronte a un tripartito formado por PSOE, BNG e Sumar que “onte dixo si a Sánchez e non a Galicia”, os galegos seguirán tendo a garantía de que, con Alfonso Rueda á fronte, a Comunidade seguirá sendo “unha illa de estabilidade, xestión e sentidiño”.
“No día de onte Pedro Sánchez consumou un fraude ao facer xusto o contrario do que prometera en campaña e só para seguir sendo presidente a calquera prezo, aínda que sexa a costa de enganar aos españois e ceder ante unha chantaxe ao Estado por parte dos seus socios independentistas”, explicou.
Prado remarcou neste sentido que os galegos poderán contar cos 13 deputados do PPdeG no Congreso —e os 14 senadores— e con Alberto Núñez Feijóo para defender con orgullo e desde a oposición os intereses de Galicia. Algo que, tal e como detallou a continuación, nin fixeron nin van facer os partidos de esquerda.
“O PSOE, apoiado sen fisuras polo socialismo galego e o seu negociante, iniciou un cambio pola porta de atrás para converter o noso modelo autonómico por un modelo máis insolidario, atacar a separación de poderes e consumar o maior retroceso nos dereitos da cidadanía española desde a Transición”, aseguraba ao tempo que recriminaba a Pedro Sánchez o seu descoñecemento da realidade de Galicia en materia de infraestruturas, industria ou sanidade.
Referíndose ao BNG e ao seu único deputado no Congreso, a número dous dos populares galegos ironizou con que “Pedro Sánchez nin sequera sabe o seu nome”; o cal “é a mostra máis evidente da irrelevancia do BNG en Madrid”.
“O independentismo galego deu onte o seu visto e prace a que o Goberno central traspase as competencias do litoral ao País Vasco pero non a Galicia e segue calado sobre o recurso da Lei do Litoral e sobre a tan necesaria transferencia da AP-9, que agora só apoia o PP”, explicou incidindo en que o único obxectivo do BNG para esta lexislatura é “a independencia de Galicia sen importarlle nada o resto”.
A secretaria xeral non desaproveitou a oportunidade de cuestionar tamén a Yolanda Díaz –á que definiu como “a galega menos galega do Goberno de España”– que “tivese o descaro de falar de maletas e de emigración cando ela foi a primeira que colleu a maleta e emigrou a Madrid tan pronto como puido”.
Novas Xeracións de Galicia
Acompañada do presidente saínte de Novas Xeracións de Galicia, Paula Prado quixo agradecerlle a Adrián Pardo a súa implicación ao longo de todos estes anos á fronte da organización político-xuvenil do PPdeG: “Baixo o seu liderado, Novas Xeracións medrou e el fíxonos medrar a todos co seu sentido do humor, coa súa humildade e co seu sentido da responsabilidade”.
A celebración -mañá- do XI Congreso de Novas Xeracións na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela será, tal e como apuntou a número dous dos populares galegos, unha gran oportunidade para “reivindicar ao órgano que mellor representa á xuventude de Galicia”.
Un congreso no que Nicole Grueira será a única candidata á presidencia, demostrando así “a súa xenerosidade, valentía e ganas de representar a toda a mocidade galega e máis concretamente á xente nova da provincia de Lugo”. Unha tarefa na que estará acompañada polo ourensán Manuel Alexandre Novoa (membro da candidatura do PP de Ourense ás pasadas eleccións municipais e actual presidente da agrupación local de Novas Xeracións), que desempeñará o cargo de secretario xeral da organización.
“Nicole representa a ilusión da xente nova, que conta ao seu carón co Goberno galego. A partir de mañá comezará unha nova etapa ilusionante para Novas Xeración de Galicia que axudará a apuntalar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda”; concluíu a secretaria xera.
Adrián Pardo
A súa última rolda de prensa como presidente de Novas Xeracións de Galicia foi para Adrián Pardo a constatación de que “as organizacións fortes teñen proxectos que van máis aló das persoas” e, á hora de botar a vista atrás ao longo destes seis anos, asegurou que “Novas Xeracións soubo estar á altura do que demanda a mocidade galega e á altura do noso gran partido”.
“Somos a organización político-xuvenil máis grande de Galicia e temos presenza na meirande parte dos concellos galegos. E isto non é por casualidade, senón porque somos tamén a organización máis parecida á mocidade galega”, explicou ao tempo que poñía en valor un modelo organizativo que “busca solucións ás demandas da nosa xuventude e non o conflito permanente”.
Indicou que, fronte aos que “usan a mocidade para suxeitar pancartas nas súas manifestacións” e aqueles que “tratan de mercar os nosos votos con medidas cosméticas cada 4 anos e só nos ofrecen unha España líder en paro xuvenil”, o PPdeG segue sendo a opción favorita da mocidade porque é un partido que traballa con feitos polo seu benestar e progreso.
Algo que exemplificou con medidas postas en marcha ao longo destes anos polo Goberno galego como a Tarxeta Xente Nova, a aposta pola FP dual, o aval do 20% para os menores de 35 anos para a adquisición da súa primeira vivenda ou a conxelación das taxas universitarias.
Pardo recordou que, coincidindo co 34º aniversario da caída do Muro de Berlín, o pasado 9 de novembro Pedro Sánchez anunciou o seu “acordo de submisión” con Puigdemont: “Sánchez presentouse á investidura como un muro para seguir afondando na fractura social, para seguir facendo cidadáns de primeira e de segunda e para seguir fracturando o noso Estado de Dereito”.
“Fronte a este muro feito coa unión do sanchismo e do independentismo máis reaccionario, hai en Galicia e en España unha mocidade que, como a de hai máis de tres décadas en Berlín, buscará romper ese muro para construír pontes que traten de unir e non de dividir, que loiten pola igualdade que se consagrou fai 40 anos na Constitución e que sigan defendendo a separación de poderes”.
Esa falta de oportunidades que o Goberno de Pedro Sánchez ofrece á mocidade, tal e como concluía na súa intervención, contrasta coa situación de Galicia: “Fronte aos que queren importar a Galicia o modelo do sanchismo e só lles preocupa a mocidade polos seus votos, aquí hai unha mocidade que, como Galicia, non para”. Departamento de comunicación