REDACCIÓN | Galicia acollerá en decembro a xornada de lanzamento do proxecto europeo Green Gap para o desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local, tal e como se acordou hoxe na reunión dos socios participantes nesta iniciativa que coordina o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Durante a reunión, o director do IET, Enrique de Salvador, avanzou que a devandita xornada contará coa participación dunha ampla representación tanto do sector público como privado mediante mesas de debate nas que se exporán os obxectivos do proxecto xunto coas especificacións técnicas e xurídicas que alberga.
Nesa liña, o proxecto Green Gap Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais de Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na área transfronteiriza.
Cómpre lembrar que a finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.
Con este obxectivo, este proxecto europeo contempla actuacións concretas de formación e sensibilización das administracións locais para o deseño das infraestruturas verdes nos seus territorios e prevé o desenvolvemento de guías prácticas e metodolóxicas para a súa implantación. A maiores, segundo explicou o director do IET, tamén se establece un seguimento mediante indicadores e outras fontes de verificación dos territorios que se consideren afectados polos efectos negativos do cambio climático.
Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros, financiado no marco do Programa Interreg España - Portugal (POCTEP 2021-2027), participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Máis polo miúdo, por parte de Galicia participan a Universidade da Coruña, Concello de Pontevedra, Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués, forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.