El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón propón un plan de financiamento das universidades para destinarlles o 1,5% do PIB no horizonte de 2030

17-09-2024 15:19:17
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, formulou dende A Coruña unha proposta moi concreta para dotar ao ensino superior dos recursos que precisa: un novo plan de financiamento das universidades que supoña destinarlles o 1,5% do PIB galego no horizonte de 2030. 

“Isto suporía neste momento investir sobre 1.000 millóns de euros nas universidades, un investimento que tería un retorno moi grande para o futuro do noso País”, explicou logo de indicar que o plan actual, que remata en 2026, “é insuficiente” para facerlle fronte aos retos que teñen que afrontar as universidades galegas.  

Pontón explicou as propostas do BNG en materia universitaria logo do encontro que mantivo co reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, ao que agradeceu o intercambio de opinións sobre a situación da universidade, as súas reivindicacións e os seus retos de futuro. 

Neste sentido, a líder nacionalista considerou clave mellorar o financiamento do sistema universitario galego, para que Galiza sexa o lugar de todo o Estado español onde máis se invista en universidade, situando ao deste xeito ao País no nivel dos países europeos máis desenvolvidos.  

O BNG evidencia así a contradición do Goberno do PP que puxo en marcha a matrícula gratuíta, medida defendida pola formación nacionalista, pero sen explicar como vai compensar aos campus galegos por esta caída de ingresos, sempre dende a premisa básica de que unha universidade pública de calidade precisa ter un financiamento de calidade.  

Coa proposta dun novo plan de financiamento coa dotación axeitada, Pontón explicou que tamén se atenderían outras problemáticas do sistema universitario, unha delas, que o corpo docente galego é o segundo máis envellecido de todo o Estado, polo que defendeu a posta en marcha dun plan de renovación do profesorado universitario.  

 “Poder enfrontar ese proceso de renovación require recursos e planificación para non vernos de repente con que as nosas universidades poden ter un déficit de profesorado”, alegou, para indicar a continuación que esta medida suporía tamén unha oportunidade para que persoal moi cualificado e investigadores e investigadoras que neste momento están fóra de Galiza poidan ter unha oportunidade de retorno e, polo tanto, reter e captar “ese talento tan importante para o futuro do Pais”.  

Outra cuestión relevante para o BNG é a necesidade de que Galiza acade novas competencias en materia universitaria e, neste sentido, a líder nacionalista apuntou como prioritarias a xestión das bolsas de estudo -“que permitiría unha mellor adaptación dos criterios á realidade galega”, subliñou- e todo o que ten que ver coa  homologación de títulos universitarios estranxeiros, o que posibilitaría axilizar a convalidación de títulos, máis tendo en conta o colapso que hai a nivel ministerio. 

A líder nacionalista tamén abordou co reitor da UDC a “preocupación compartida” polos problemas que sofre o alumnado no acceso á vivenda, máxime nunha cidade como A Coruña no que, segundo indicou, os alugueres subiron nos últimos anos un 60%. 

Por iso, avogou por que a Xunta asuma a súa responsabilidade, sobre todo nun campus como o da Coruña, onde non ten nin unha soa praza pública de residencia universitaria, o que considerou “unha discriminación” a respecto doutros campus. 

Nesta liña, apostou en primeiro termo pola posta en marcha dunha bolsa de vivenda en réxime de alugueiro para estudantes universitarios, unha medida que se pode desenvolver en colaboración coas propias universidades. E, en segundo lugar, instou á Administración de Alfonso Rueda, a construír vivenda pública de aluguer para o estudantado universitario, máis tendo en conta que a Xunta ten solo dispoñible na cidade.  

Pontón recalcou que a aposta polo coñecemento e a innovación é unha das claves sobre as que hai que traballar para poder construír un futuro mellor para todos os galegos e as galegas e, neste sentido, sinalou á universidade como peza fundamental neste camiño. “Imos seguir traballando para mellorar e reforzar o papel que teñen as universidades galegas na formación e tamén no desenvolvemento económico, social e cultural do noso País”, concluíu.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias