REDACCIÓN | O sector turístico de Galicia está a rexistrar un crecemento continuo e estable este ano que se traduce nas cifras de visitantes e estadías acadadas desde xaneiro a setembro. Segundo os datos feitos públicos hoxe polo INE, nesta evolución positiva adquire un peso importante o turismo internacional con 2,2 millóns de viaxeiros aloxados, o que supón un incremento do 3,5% con respecto ao ano pasado, rexistrando ademais 3,4 millóns de noites. Ambas cifras supoñen máximos da serie histórica neste período.
No que atinxe ao comportamento acumulado, 6 millóns de viaxeiros aloxáronse en Galicia desde xaneiro a setembro, facendo algo máis de 11,3 millóns de noites en establecementos de aloxamento, rexistrando tamén incrementos do 1,9% e 0,7%, respectivamente.
En canto á distribución da demanda global, un 69% aloxouse no segmento hoteleiro (56% en hoteis e 13% en pensións) mentres que o 31% preferiu outros aloxamentos como albergues (10,9%), cámpings (10,6%), apartamentos turísticos (5,9%) e turismo rural (3%). Cabe salientar tamén o incremento do volume de noites en hoteis do 4,3% e do 1,2% en establecementos de turismo rural.
Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais próximos aos 350 millóns de euros nos nove meses do ano, cifra que supera o dato do pasado ano nun 7,2%, así como o valor previo á pandemia.
Datos de setembro
En relación ao comportamento específico rexistrado o pasado mes de setembro no conxunto dos aloxamentos turísticos, Galicia rexistrou 909.161 viaxeiros aloxados, isto é un 2,8% máis con respecto ao ano pasado que contabilizaron un total de 1,5 millóns de noites en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros (1,6% máis que en 2023, marcando neste indicador un fito histórico, superando nun 10,9% os rexistros previos á pandemia de 2019.
No pasado mes, case tres de cada catro visitantes aloxáronse en hoteis ou pensións, seguidos a continuación dos albergues, cámpings, apartamentos turísticos e turismo rural. Precisamente, esta última modalidade de aloxamento foi a que rexistrou un maior incremento en canto a número de noites en setembro, cunha suba do 7,7%.