REDACCIÓN | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse hoxe cunha representación do sector turístico de aloxamento para abordar o proxecto de lei que regula o imposto sobre estancias turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia, que se avanza nos seus trámites. No encontro informouse do documento levado á Lei de Medidas dos Orzamentos para 2025 que recolle a habilitación normativa para crear a taxa turística que pide o Concello de Santiago.
Xosé Merelles destacou que o marco legal para a posta en marcha deste imposto avanza na súa tramitación para ser debatido e enriquecido no Parlamento de Galicia e recordou tamén que, en todo caso, é unha medida voluntaria e será integramente xestionado, recadado e inspeccionado polos concellos que decidan implantalo. “Non é en ningún caso unha taxa turística para toda a Comunidade galega porque a realidade turística actual non a fai necesaria, pero con esta lei daremos as ferramentas aos concellos que o piden e xustifiquen para que se responsabilicen da súa xestión e funcionamento. Oficialmente só a pediu Santiago”, remarcou.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia informou das características principais que se inclúen, como avance, na Lei de Medidas dos Orzamentos de 2025 como, entre outras, que os ingresos obtidos por este imposto estarán afectados cando menos nun 80% a investimentos e gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sostible, na forma que se determine na lei.
Ordenanza dos concellos
Ademais, os concellos que decidan establecer a recarga deberán aprobar, con carácter previo, unha ordenanza fiscal en cuxo procedemento de elaboración se xustifiquen as razóns da esixencia da recarga, e se avalíe o impacto e eficacia.
Tamén recordou que, tal como se fixa no documento, no procedemento de elaboración deberá, os concellos deberán garantir a consulta, participación e audiencia ás organizacións e asociacións representativas do sector turístico sobre os problemas que se pretenden solucionar coa norma; a necesidade e oportunidade da súa aprobación; os obxectivos da norma e as posibles soluciones alternativas. Na ordenanza asumiranse e determinaranse as competencias de xestión, recadación e inspección, así como a potestade sancionadora.
Comisión de asesoramento
Ademais, na ordenanza preverase a constitución, organización e funcións dunha comisión municipal de asesoramento e seguimento da implementación do imposto conformada por persoas representantes do concello, así como por persoas representantes das empresas do sector e asociacións veciñais. Esta comisión realizará funcións de asesoramento e seguimento permanente da aplicación do imposto, tendo en conta indicadores como a evolución do nivel de ocupación, o número de prazas turísticas, o rendemento por cada praza ou calquera outro indicador dos sectores turísticos do municipio. A comisión aprobará cada ano un informe de avaliación de impacto da recarga en relación coas finalidades pretendidas coa súa aprobación.
Xosé Merelles reiterou que o Concello de Santiago de Compostela foi o único que solicitou a implantación deste imposto e recordou a importancia de que esta medida non busque lanzar a mensaxe equivocada de se hai demasiados visitantes nun destino. “Non é o caso de Galicia”, sentenciou.
No encontro estaban representados empresarios do sector do aloxamento da cidade de Santiago de Compostela -a única cidade que o solicitou formalmente-, así como os sectoriais do resto das tipoloxías turísticas de aloxamento definidas na Lei de Turismo, as asociacións provinciais e o Clúster de Turismo de Galicia.