REDACCIÓN | O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron hoxe na inauguración da terceira edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo) no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca da Fundación Semana Verde, en Silleda. Tras a inauguración realizaron unha visita pola área expositiva que acolle ata o venres equipamento e sistemas de seguridade, material para as forzas e corpos de seguridade e servizos de emerxencias, así como tecnoloxías relacionadas coa ciberseguridade, a robótica ou a aeronáutica.
Ao acto de inauguración tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, así como o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, o comisario xefe da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, Jorge Rubal e o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto.
Na súa intervención, Diego Calvo destacou que o evento suporá un punto de encontro para compartir experiencias entre os profesionais destes sectores e “coñecer o importante traballo que realizan estes efectivos cada día para velar pola seguridade da cidadanía”.
Nun espazo de máis de 4.400 metros cadrados amosarán as súas novidades 387 empresas expositoras de 38 países representadas por case un cento de expositores directos de España, Portugal, Alemaña, Francia, Países Baixos, Paquistán, República Checa e México. Cómpre destacar que despois da súa celebración en 2022 e 2023 xa pasou a ser unha feira bienal e está consolidada, como o demostra, por exemplo, o aumento respecto ao ano pasado dun 19% no número de expositores, do 71% no de firmas e do 11% nos metros cadrados netos de superficie.
O conselleiro de Presidencia destacou a ampla programación da feira que, xunto cos expositores, complementase cun amplo programa con medio cento de conferencias no marco dunha trintena de xornadas e con máis dun cento de relatores que abordarán temáticas como como os fenómenos meteorolóxicos adversos e as inundacións ou a DINA de Valencia, ata onde se desprazou a comezos de ano un continxente galego. Haberá tamén numerosas demostracións como o simulacro de rescate levado a cabo por efectivos da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) e Gardacostas de Galicia ao que asistiron hoxe os conselleiros.
Segundo apuntou Diego Calvo, Galicia conta cunha ampla rede de servizos de emerxencias “formados tanto por profesionais como por voluntarios dispostos a dar o mellor de si mesmos co único obxectivo de protexer a seguridade e o benestar da sociedade”. Nesta liña, incidiu na importancia da prevención e a coordinación entre os efectivos, así como o papel das novas tecnoloxías como é o caso dos drons.
Pola súa banda, o responsable de Mar, Alfonso Villares, destacou o extraordinario labor do servizo de Gardacostas de Galicia que opera as 24 horas e os 365 días do ano, dando resposta inmediata aos incidentes que se producen no litoral galego. Neste senso, indicou que a gran aposta destes efectivos é loitar contra o furtivismo e contra os que exercen de maneira ilegal competencia desleal aos miles de profesionais que viven das actividades marisqueira e pesqueira.
Este dispositivo, ao que a Consellería do Mar destina no presente exercicio máis de 30 millóns de euros, está composto por 144 efectivos, que se reparten entre os Servizos Centrais en Santiago de Compostela e as nove bases operativas. En canto aos medios materiais dispón dos Helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, con base en Vigo e Celeiro, respectivamente, 3 buques multipropósito, 9 patrulleiras e 11 planeadoras/semirríxidas e forabordas, ademais de 69 vehículos, 4 camionetas, 2 camións e 3 naves nas bases de Tragove, Sada e Celeiro.