REDACCIÓN | O Concello de Vimianzo presentou hoxe a programación cultural Vimiansol 2025, que inclúe propostas musicais, teatrais e de circo para todos os públicos.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema, foron as encargadas de dar a coñecer o conxunto de actividades que ao longo dos meses de xullo e agosto encherán a praza do Concello e o Castelo de múltiples actividades.
O programa, organizado polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña, consolídase como unha cita imprescindible para desfrutar da cultura ao aire libre durante o verán. Todas as actuacións darán comezo ás 21:00 horas e serán de acceso libre e de balde.
A primeira será o sábado 12 de xullo na praza do Concello co espectáculo de equilibrios ‘Circo Cambuche’, de Henriko. Unha proposta que promete facer rir a grandes e pequenos a través das acrobacias e malabares do grupo.