REDACCIÓN | O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, presentou hoxe a memoria da actividade dos xulgados e tribunais da comunidade correspondente a 2024, aprobada pola Sala de Goberno do TSXG. Durante a súa intervención, fixo balance do estado dos órganos xudiciais galegos, cuxo ingreso de novos procedementos aumentou cada ano desde 2019. En concreto, no primeiro trimestre deste ano recibiron 115.021 procedementos, fronte aos 97.328 do mesmo período de 2024, é dicir, un 18,2 % máis. Para facer fronte a esta situación, segundo sinalou Díaz-Castroverde, non é suficiente con continuar creando novas unidades xudiciais, senón que se deben “promover cambios sociais para que a cidadanía e as empresas comprendan que non é viable recorrer aos tribunais para solucionar todo tipo de conflitos”. Así, avogou por “fomentar o diálogo e a negociación como medios alternativos á Xustiza para resolver desavinzas.
"Ademais, incidiu na necesidade de modificar a actual distribución da Xustiza en Galicia, que se divide en 45 partidos xudiciais, para “adaptala ás necesidades actuais”. Con todo, indicou que confía en que a transformación dos xulgados tradicionais en tribunais de instancia “permita unha xestión máis flexible e eficaz dos casos”.
O presidente do TSXG tamén resaltou o esforzo que realizan os xuíces e xuízas da comunidade, á vez que advertiu de que “todas as administracións con competencias na materia tamén teñen que poñer da súa parte”. Díaz-Castroverde apuntou que o esforzo que realizan os seus compañeiros e compañeiras “se reflicte en que incrementou o número de casos que resolven”. En concreto, en 2024 e no primeiro trimestre de 2025 finalizaron un 14 % máis de procedementos.
Independencia
Durante a presentación da memoria, recalcou que os xuíces e xuízas desempeñan un papel fundamental para garantir o Estado de Dereito, aínda que, en ocasións, o seu labor sexa “pouco visible ou mesmo incomprendida pola cidadanía”. Por iso, incidiu na importancia non só de valorar o seu labor, senón de “protexer a súa independencia e dignidade fronte a ataques infundados ou presións externas”. Así, manifestou que “respectar a independencia xudicial é a base dunha democracia sólida”, pois é a garantía de que os membros da carreira xudicial “poidan tomar decisións libres de presións políticas ou intereses externos, protexendo os dereitos da cidadanía".
Violencia sobre a muller
Díaz-Castroverde destacou que a loita contra a violencia de xénero foi unha das prioridades do seu mandato como presidente do TSXG. “Para enfrontar eficazmente esta grave problemática é imprescindible a implicación de toda a sociedade, máis aló do ámbito institucional”, subliñou, á vez que sinalou que, en 2019, ano no que asumiu a Presidencia do TSXG, rexistráronse en Galicia 6.551 denuncias por violencia de xénero. Esta cifra ascendeu a 7.602 en 2024, o que equivale a case 21 denuncias diarias. O presidente explicou que ese incremento “non se debe necesariamente a que haxa máis casos, senón que pode ser interpretado como un aumento das vítimas dispostas a denunciar”, o que considera “moi positivo”.
Educar en Xustiza e formación
Por último, o presidente do alto tribunal galego incidiu na necesidade de continuar traballando para aumentar a transparencia e achegar a Xustiza á cidadanía. “Considero esencial que a sociedade coñeza de preto o traballo que realizamos xuíces e xuízas”, indicou, á vez que resaltou a importancia do programa Educar en Xustiza, “que en 2024 alcanzou un novo récord de participación, pois máis de 6.000 estudantes de centros educativos galegos visitaron xulgados e tribunais da comunidade”.
A nivel interno, destacou que Galicia “se consolidou nestes últimos anos como referente en formación da carreira xudicial”, pois “á xa consolidada Escola de Verán, que se inaugura mañá no pazo de Mariñán, sumáronse nestes anos como referentes as Xornadas Xurídicas de Sarria e o Curso de Patrimonio Cultural e Urbanístico de Santiago de Compostela”. Ademais, en 2023 iniciáronse en Vigo os encontros con xuíces e xuízas do norte de Portugal, os cales o pasado venres se desprazaron á Coruña para coñecer o TSXG. A memoria da actividade dos xulgados e tribunais de Galicia correspondente a 2024 está dispoñible na seguinte ligazón