REDACCIÓN | O evento ecuestre Equina Galicia 2025, o cal se celebrará do 11 ao 13 no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA baixo a organización da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), acollerá na súa última xornada a terceira proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches.
Esta competición, puntuable para o Campionato de Galicia e clasificatoria para o de España, contará con cinco modalidades. Dous delas serán Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo. Sumarase Sulky, cun cabalo e unha carruaxe con dúas rodas, e tamén Poni, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni. Ademais, haberá unha proba libre, para non federados, na que se admite calquera tipo de cabalo e coche.
Esta cita conta de novo con nomes relevantes nesta disciplina deportiva. Así, entre a súa decena de participantes, procedentes de distintos puntos de Galicia, figurará o actual subcampión de España de Limonera Individual e tamén o subcampión de Tronco en Portugal, un país pioneiro no deporte dos Engabche no que hai moita tradición e, por tanto, un gran nivel entre os participantes. Así mesmo, destaca que nesta proba participarán dúas das catro mulleres que compiten en Galicia como groom, é dicir, auxiliar do cocheiro.
A proba estará conformada en todas as súas modalidades por dúas saídas a pista dos participantes, que recibirán a súa puntuación en función da media desas dúas voltas. Será unha trepidante competición na que colaboran o Club de Enganches de Galicia, difusor deste deporte na comunidade e que conta con 46 socios; a Federación Hípica Galega e ACCEGA, a cal fai posible un ano máis incluír esta proba en Equina Galicia. Unha posibilidade que agradece enormemente Carlos Otero, presidente do Club de Enganches de Galicia, por ser un importante escaparate para este deporte.
Cinco competicións máis
Esta proba de enganches súmase a outras cinco destacadas competicións, o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, proba morfofuncional que é o eixo central desta cita ecuestre; o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, a XXVI Copa Accega e o Territorial, todos eles de Doma Clásica, e tamén a II Proba de Equitación de Traballo. Ademais, haberá bautismo hípico e unha conferencia con mesa redonda posterior.