REDACCIÓN | O talento local estará moi presente na XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña nas marcas EncaixaT, Mascarada ‘O Cansorriño’ e Ene de Toba, que participarán nos desfiles de ArtEncaixe no pavillón Víctor Vigo do 1 ao 5 de abril de 2026.
As persoas que integran a Asociación Mascarada ‘O Cansorriño’ defínense como “un grupo de persoas que nace por e para o Entroido. Este ano levamos a cabo a temática do Encaixe con todo feito a man por nós e palillado polos integrantes da comparsa. Entón unha vez rematados os traxes e ver os resultados acadados, pensamos na idea de amosalos na pasarela da Mostra do Encaixe e darlle o valor que se merecían os nosos palilleiros e palilleiras despois de tanto traballo.
”Afirman que “?a nosa intención é levar á pasarela a mesma enerxía que sentimos coa música tradicional, pero transformándoa en movemento e elegancia. Demostrar que a tradición e a cultura do noso pobo non reñe coa actualidade, e cremos que o deseño en sí xa vai sorprender porque non soamente leva Encaixe, senón que nel represéntase tamén todos os instrumentos que se utilizan para acadar ese encaixe como alfís, bolillos, bobinas de fío, etc...”.
Noemí Toba, estudante de Corte e Confección na Academia Aury Pérez, desfilará coa súa marca, Ene de Toba e a súa colección “Interludio”. O nome, segundo esta rapaza de Camariñas, “venlle perfecto xa que estou nun momento bastante distinto ao do ano pasado, explorando unha estética máis persoal, máis conectada coa roupa que eu mesma vestiría”, afirma.
Vencellada ao mundo da moda desde moi nova e logo da colección do ano pasado ‘a toda cor’, nesta trixésimo quinta edición quixo dar unha volta de 180 graos á súa idea primixenia.
“Estas novas pezas nacen para a pasarela da Mostra, pero perfectamente poderían ter utilidade do día a día. Ten moita esencia persoal porque está vencellada á forma que me gusta a min para vestir. A paleta de cores son as miñas favoritas, as que uso eu para vestirme: branco, negro e prata".
EncaixaT naceu no ano 2018 coa idea de “levar o encaixe de Camariñas ao día a día. Incorporamos o encaixe na vida cotiá, buscando que esta artesanía tradicional puidese formar parte da nosa roupa para a vida diaria. Así naceron camisetas casuais con deseños variados de moitas formas e cores, que se visten para calquer ocasión e que nunca pasan de moda.”
“Dende aqueles comezos, os nosos deseños foron evolucionando ao mesmoritmo que a moda. Mantemos sempre a esencia porque o encaixe é o noso protagonista, pero experimentamos con novas formas, novos tecidos e apliques distintos, integrándoo en pezas máis actuais. A idea segue sendo a mesma: dar valor á tradición e achegala ás novas xeracións a través dunha moda contemporánea”, sinalan.
Formar parte da 35ª edición da Mostra do Encaixe de Camariñas “é para nós unha grande honra por un lado, porque significa que aínda estamos ahí despois de 8 anos de percorrido e por outro lado, é unha oportunidade para seguir visibilizando o encaixe de Camariñas e demostrar que pode seguir evolucionando e formando parte da moda actual. Participar na Mostra é, en certa maneira, volver á orixe e compartir co público o noso compromiso con esta artesanía única”.
Este ano, sinalan desde a marca local, “damos un paso cara ás raíces coa colección ORIXE, unha proposta que pon o foco na esencia do encaixe de Camariñas e na identidade de EncaixaT. Apostamos porque o encaixe dialogue coa luz e co corpo, que sexa a esencia sobre a pel, unha metáfora visual de como tradición e modernidade encaixan e que a memoria sempre forme parte nesa transformación.
”A nosa colección levará 6 deseños de camisetas nas que quixemos volver ao punto de partida: poñer o encaixe no centro, que sexa o protagonista e reinterpretalo desde unha mirada máis actual, debuxando formas sobre o corpo e deixando entrever a luz e a historia que gardan os seus fíos. ORIXE nace do lugar onde todo comeza e da memoria que permanece no encaixe de Camariñas.