REDACCIÓN | A Deputación da Coruña completou hoxe a primeira xornada da súa participación no XXXIX Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta gama que se celebra ata o xoves no recinto feiral de Ifema, en Madrid, cun amplo programa de actividades orientadas á promoción do produto local e da gastronomía da provincia. Ao longo da xornada, o espazo da Deputación, baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’, acolleu diferentes propostas gastronómicas e divulgativas que permitiron amosar a diversidade e calidade da produción agroalimentaria coruñesa.
A programación arrincou cunha degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café, seguida do relatorio e cata de viños impartidos por Luís Paadín baixo o título ‘Betanzos: territorio branco lexítimo’.
Xa en horario de mediodía, Noelia Rodríguez, do restaurante Casa Peto (Outes), protagonizou dous showcookings nos que elaborou mexillón en escabeche ‘Leocadia’ e tosta de sardiña afumada de Portosín. Pola tarde foi a quenda do carballés Adrián Felípez, do restaurante Miga (A Coruña), que presentou elaboracións como peixe do día curado en auga de mar, sopa de xunco mariño e herbas do litoral escabechadas, e terrina de cabeza de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido.
A programación completouse con presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como cunha proposta de Chichalovers (Santiago) arredor do bocadillo de rixóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, valorou moi positivamente esta primeira xornada e destacou que «esta feira e a afluencia de público demostran o tirón da gastronomía galega e, sobre todo, do noso produto». Neste sentido, subliñou tamén o interese profesional xerado ao redor do espazo provincial, apuntando que foron numerosas as persoas vinculadas ao sector, especialmente da distribución, que se achegaron ao expositor da Deputación para coñecer de primeira man as propostas presentadas polas empresas que participan con ‘A paisaxe que sabe’.
Regueira puxo ademais en valor o labor desenvolvido polos chefs presentes nesta edición e salientou que «a parte de restauración que nos acompaña está facendo un traballo magnífico», xa que permite ao público profesional «ver o produto e probalo en fresco directamente da man dunha cociña de primeiro nivel». O vicepresidente destacou especialmente o papel de Noelia Rodríguez e Adrián Felípez, que ao longo desta xornada «están resaltando o produto, o territorio e as posibilidades da nosa gastronomía e da provincia como destino turístico».
Programación do martes
A Deputación da Coruña seguirá en Gourmets cunha intensa actividade o martes, mércores e xoves. Mañá volverá comezar cunha nova degustación de café de especialidade ás 11.00 horas e, ás 12.00, o relatorio e cata ‘Barbanza e Iria: a expresión do albariño’, tamén a cargo de Luís Paadín.
A partir das 13.00 horas repetiranse os showcookings de Noelia Rodríguez, mentres que Adrián Felípez ofrecerá novas creacións gastronómicas con pratos como guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo, e repolo estofado, sopa de berberechos e codium. A xornada pecharase coas degustacións de Gallegas de Nata, A Conserveira e Chichalovers.
A presenza da Deputación neste foro profesional internacional enmárcase na campaña ‘A paisaxe que sabe’, coa que a institución provincial promove os produtos agroalimentarios e a excelencia gastronómica da provincia como parte da identidade do territorio.