REDACCIÓN | A Deputación da Coruña afronta hoxe a cuarta e derradeira xornada da súa participación no 39ª Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta gama que se celebra no recinto feiral de Ifema, en Madrid. Para o vicepresidente provincial e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, o balance é «moi positivo», e destacou que «ao longo dos anos estamos gañando un oco no panorama estatal e internacional».
Regueira explicou que as empresas interesadas en abrir novas vías de negocio «saben que a Deputación da Coruña conta cun posto propio neste tipo de eventos e xa nos veñen buscar para contactar cos produtores e produtoras que nos acompañan baixo a marca ‘A paisaxe que sabe’».
O vicepresidente salientou ademais que a programación desenvolvida durante estes días «demostra a altísima calidade tanto dos produtos da nosa terra como da restauración da provincia, que é do máximo nivel» e considerou que a gastronomía galega leva anos consolidándose entre as mellores referencias internacionais.
Neste sentido, afirmou que «nos últimos tres ou catro lustros a restauración galega está demostrando que está ao nivel dos mellores lugares do mundo», grazas ao talento, esforzo e formación de cociñeiros e cociñeiras que «sitúan a nosa provincia no escaparate internacional».
Regueira concluíu amosando a súa satisfacción polo cumprimento dos obxectivos cos que a Deputación acudía a este 39ª Salón Gourmets: «xerar rede; afianzar a sostibilidade turística e o valor do produto de quilómetro cero, e crear sinerxías de colaboración entre as produtoras e produtores que nos acompañan con ‘A paisaxe que sabe’».
Resumo da xornada de hoxe
Nesta terceira xornada, o espazo da Deputación continuou desenvolvendo un amplo programa de actividades orientadas á promoción do produto local e da gastronomía da provincia perante público profesional e especializado.
A programación arrancou cunha nova degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café. A continuación, Luís Paadín ofreceu o relatorio e cata de viños titulado ‘Ribeiras do Ulla coruñesas: crisol de castes’.
Xa en horario de mediodía, Juan Crujeiras, do restaurante Bido (A Coruña), protagonizou dous showcookings nos que elaborou pratos como pescada, escabeche emulsionado, amorodos e pementos de Herbón encurtidos, así como repolo de Betanzos asado e fermentado con demiglace de hortalizas asadas e mazá.
Pola tarde foi a quenda de Iria Espinosa, do restaurante con Árbore da Veira (A Coruña) —distinguido cunha estrela Michelin—, que presentou elaboracións como porro asado con guiso meloso de mans de porco, gamba e salsa bearnesa, ademais de vieira con manteiga de miso, caviar de codium e cacahuete tostado.
A xornada completouse con novas presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como coa proposta gastronómica de Chichalovers arredor do seu bocadillo de rixóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.
Programación do xoves
A Deputación da Coruña despedirá mañá a súa participación nesta edición de Gourmets cunha nova xornada de actividade que comezará ás 11:00 horas coa degustación de café de especialidade de Cafés Aruba. Ás 12:00 horas celebrarase o relatorio e cata de viños ‘Viños con crianza da Coruña: o caso de María Manuela’, a cargo de Luís Paadín.
A partir das 13:00 horas volverán os showcookings de Juan Crujeiras, mentres que desde as 15:00 horas Iria Espinosa ofrecerá novas elaboracións gastronómicas para pechar a programación da Deputación neste foro profesional internacional.