El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | VIII FORO LA TOJA-VINCULO ATLÁNTICO

Rueda reivindica a voz das comunidades autónomas ante os retos globais

01-10-2026 18:20:57
VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico.

REDACCIÓN | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a voz e a capacidade das comunidades autónomas para contribuír coa súa experiencia e propostas ás solucións dos grandes retos globais. 

Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de que as administracións locais e rexionais poidan “formar parte activa do debate e das solucións que se deseñen xa que se aplicarán en primeiro lugar nos ámbitos máis próximos”. 

Na súa intervención durante a inauguración do VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico, o titular do Executivo galego defendeu que Galicia ten moito que aportar aos desafíos actuais. Así, referiuse ao liderado da Comunidade ao dotarse da primeira lei europea para regulamentar a intelixencia artificial, así como ao seu papel clave na autonomía estratéxica, con máis do 80% da produción enerxética procedente de fontes renovables e coa dispoñibilidade de 18 dos 34 materiais considerados críticos pola Unión Europea. 

Así mesmo, o presidente puxo en valor o clima de seguridade xurídica, estabilidade política e moderación que se vive en Galicia, o que permite acadar acordos en asuntos fundamentais como a lingua. Destacou tamén a aposta pola construción de vivenda pública e por facilitar solo para a súa edificación, así como a capacidade de atraer grandes investimentos industriais á comunidade, como a futura fábrica do xigante da automoción SAIC. 


Respecto e convivencia, o ADN galego 

O titular do Executivo autonómico quixo agradecer unha vez máis á organización por celebrar na Toxa este encontro de reflexión, lembrando a vocación de Galicia como terra de acollida e diálogo vinculada ao Camiño de Santiago. Uns valores de respecto e convivencia que forman parte do ADN galego e que seguirán tendo especial protagonismo no vindeiro Xacobeo 2027. 

Así, Rueda avogou por aproveitar o marco do Foro La Toja-Vínculo Atlántico para reivindicar o valor da reflexión, do diálogo e do respecto mutuo. Neste sentido, defendeu a necesidade de “deixar de lado as retóricas belixerantes en favor dunha conversa construtiva e eficaz”, traballar desde unha perspectiva de futuro sen cortoplacismos e amosar que desde o ámbito local e autonómico tamén se edifica o futuro do país. 

Finalmente, o xefe do Executivo autonómico felicitou ao expresidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa, galardoado co Premio Foro La Toja - Josep Piqué do Foro, a quen definiu como “un exemplo de político con maiúsculas” e un símbolo do país veciño.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias