El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Sala Nasa despide o 2007 cun concerto improvisado da OMEGA

27-12-2007

A Sala Nasa de Santiago despedirá o 2007 cun concerto que a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (OMEGA) ofrecerá hoxe e mañá ás 22 horas. A OMEGA, conformada por unha vintena de músicos dos máis variados ámbitos, propoñen ao público tomar parte dunha "experiencia colectiva". Violín, shitar, contrabaixo, saxofón, clarinete, e ata unha "batería paraugas" que soporta no armazón dunha cortina de ducha xoguetes sonoros para bebés compoñen esta singular orquestra, dirixida cun código xestual por algún dos músicos, e que sumen ao espectador nos máis diversos estados de ánimo. "Transmite algo especial porque é unha novidade constante para todos: para os músicos, para o director e tamén para o público", afirma Pablo Orza, de OMEGA, arredor da experiencia musical das súas sesións. "Cos sinais regulamos distintos parámetros, como o timbre, o volume, a intensidade e a emoción", explican de OMEGA. Deste xeito, teñen cabida no resultado toques máis "ruidistas" e outros máis próximos á música contemporánea, á clásica, ao jazz ou ao blues. Non en van, os membros da orquestra son do máis heteroxéneo, e mestura músicos profesionais con outros que acaban de comezar procedentes de diferentes estilos, artistas plásticos e creadores vencellados ás artes escénicas como "unha metáfora de que na música é posible a convivencia entre distintas culturas", engade. Na filosofía da orquestra, o músico é "unha especie de vehículo" que traslada ao espectador a unha experiencia efémera, centrada na expresión de emocións a través dos instrumentos e que explora as posibilidades da linguaxe a través da improvisación Para Chefa Alonso, que participa na Orquestra de Improvisación Libre de Londres, a improvisación libre guiada é "unha novidade aquí", pero lembra que noutros países como Inglaterra ou Alemaña xa levan 40 anos de vantaxe, co obxectivo de "ampliar os límites da liberdade" creativa a través dunha expresión persoal e á vez, dunha experiencia colectiva. A OMEGA non desbota gravar algún disco das súas improvisacións, aínda que a banda "aínda ten que coller forza e cohesión". Neste caso, podería tratarse dun traballo que recollese extractos do audio rexistrado nos concertos. Un viveiro de ideas A OMEGA atopou na Sala Nasa un lugar onde amosar e compartir as súas experiencias. Así, Patxi Varela, de OMEGA, lembra que as primeiras improvisacións libres comezaron no ano 99 en grupos pequenos arredor do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro, en Santiago. A Nasa apoia dende o ano 2003 esta proposta, coa organización de sesións unha vez ao mes. Foi en marzo deste ano cando a OMEGA se presentou con máis de 20 músicos, que se reúnen os domingos "relixiosamente" no Pico Sacro para ensaiar, ou como eles din, "prepararse para saltar ao baleiro". A sala compostelá comezará o ano coa estrea o 23 de xaneiro de 'Fiando o caos', a creación da bailarina viguesa Mercé de Rande, residente na Nasa tras desenvolver a súa carreira na compañía francesa Incidents Mémorables.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias