Sociedad
"Ficcións analóxicas" pode verse en Santiago ata o 27 de abril
10-01-2008
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) dedica a súa última exposición á videocreación galega dos anos 80. "Ficcións analóxicas" recolle as orixes do audiovisual galego nunha época marcada pola experimentación, o traballo colaborativo entre artistas de diversos eidos e a falla de infraestruturas, tanto de produción como de difusión.
"A videocreación dos 80 creo unha marca de audiovisual galego que se exportou a toda España e ao estranxeiro", afirmou hoxe na presentación da exposición Manuel González, hoxe director da Axencia Audiovisual Galega, xa que fóra da comunidade o vídeo galego "enchía salas" porque "era sinónimo de creatividade, diferencia, transgresión e enerxía".
O comisario da mostra, Fernando Suárez, decidiu abordar a investigación sobre a videocreación galega dende unha ollada allea, pero botou en falla máis documentación sobre a produción daquela época. "En Madrid se preguntaban qué pasaba en Galicia después de que Xavier Villaverde obtuviese el primer premio del Festival de Vídeo de Madrid".
A mostra reúne películas en súper 8, produto dos "intentos dun grupo por contar historias co cinema pero sen recursos" e que se viu posibilitado polo soporte vídeo, tamén presente na exposición a través de "oito pezas fundamentais". A montaxe complétase con tres videoinstalacións e vídeo á carta, para ver unha ampla selección de pezas producidas entre 1984 e 1994, así como con entrevistas aos protagonistas deste movemento.
Manolo Romón, Xavier Villaverde, Antón Caeiro, Xosé Búa, Manuel Abad, Ignacio Pardo, Antonio Segade, Eloy Lozano ou Antón Reixa son algúns dos nomes que escribiron a historia da videoexperimentación dos anos 80, algúns dos cales continúan en activo na industria audiovisual, na televisión ou nas artes. "Nalgúns casos, a integración na industria deixou atrás a liberdade, pero en todas as súas pezas atopamos a orixe dos seus primeiros traballos e do audiovisual galego", asegurou González.
Contido
'Strip-tease', de Manolo Romón con música de Julián Hernández é o punto de partida de 'Ficcións analóxicas', xunto a 'Homes obxectos', un experimento dos fotógrafos coruñeses Xulio Correa, Vari Caramés e Luís Bericua, ambas rexistradas en Súper 8 e proxectadas en DVD.
A peza que inaugurou a fase máis potente da videocreación galega é 'Veneno puro', de Xavier Villaverde, presente tamén na mostra, e que data de 1984, todo un símbolo da modernidade da época. "Levabamos unha dobre vida", afirma Villaverde, quen durante a semana se dedicaba a montar vídeos para empresas e polas fins de semana se aplicaba na investigación ficcional.
"As pezas non ían dirixidas a un público, senón que partían dunha necesidade de expresión", lembra Villaverde. A partir deste vídeo, creouse unha liña de subvencións á videocreación que impulsaron aínda máis a súa produción. "O vídeo púxose de moda porque se valoraba moito o risco e a experimentación".
Neste punto coincide Caeiro, para quen "as curtas que se fan hoxe non teñen nin punto de comparación cos niveis de experimentación daquela época". En todas as pezas abundan as referencias cinematográficas, como na de Antón Caeiro, posterior a dez visionados no cine de 'Apocalipse now'. "Diso e de que fumaba moito", sincerouse.
"O único de dixital que tiñan estas creacións era que se editaban os vídeos Beta co dedo", lembra Xosé Búa, quen manipulou a imaxe para ver ao cidadán Kane pendente dun traballo de Villaverde. Tamén Antonio Segade introduce na súa peza fagmentos de Fassbinder. Con 'Numeralia', Eloy Lozano achégase á animación a través do vídeo.
Exemplos como o de Manuel Abad, que trasladou a unha linguaxe contemporánea a través do vídeo unha cantiga de Alfonso X O Sabio, no seu 'Prólogo', premiado no Festival Internacional de Vídeo de Madrid, resumen o espírito dunha xeración que levou a imaxe de Galicia unida á palabra "modernidade".
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias