Sociedad
21-01-2008
O artista Bill Fontana, recoñecido en todo o mundo polas súas instalacións sonoras, e o invetigador Brandon LaBelle participarán mañá na primeira xornada do ciclo de conferencias "Cartografías da escoita", promovido polo colectivo Escoitar.org e que se desenvolverá no CGAC de Santiago entre o 22 e o 24 de xaneiro.
A actividade convida a reflexionar sobre os distintos aspectos da cultura sonora e sobre como os sons ambientais, naturais e urbanos forman parte da vida das persoas. Está dirixida a un público amplo, interesado pola creación artística contemporánea, a música, a antropoloxía, a socioloxía e a arquitectura.
A segunda xornada do ciclo "Cartografías da escoita. Son e lugar" conta coa participación do investigador John Levack Drever, que preside a UK and Ireland Sounscape Community e que imparte clases de composición na universidade londinense Goldsmiths; de José Luis Carles, realizador do programa Paisajes sonoros de RNE e profesor no departamento de música da Universidade Autónoma de Madrid e de Peter Cusack, radicado en Londres e especializado en examinar os sons da paisaxe en lugares degradados desde o punto de vista ambiental.
Na xornada do xoves 24 de xaneiro o ciclo de confencias arranca co sociólogo e urbanista Jean Paul Thibaud para continuar con Carmen Pardo, filósofa e autora de libros como 'La escucha oblicua: una invitación a John Cage'. Pecha as conferencias Llorenç Barber, compositor, instrumentista e musicólogo, que fundou o festival de música contemporánea Emsens, o de máis sona no estado.
A entrada ás conferencias máis ao ciclo de cine de marzo é libre e gratuíta. Existe a posibilidade de inscribirse e obter o certificado de asistencia por un prezo de 12 euros. O ciclo de conferencias complétase co programa 'Audiovisións', do 4 ao 16 de marzo, que inclúe entre outras proxeccións 'Modulations: Cinema for the ear', de Iara Lee, 'Touch the sound' de Thomas Riedelsheimer, 'Rize' de David LaChapelle e a galega 'Periféricos', de Xosé Holgado, Carlos Méndez e Tamara Blanco.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias