Sociedad
25-01-2008
Tal como anunciaron o pasado mes de setembro, Caixa Galicia, XesGalicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia promoven a constitución dunha sociedade limitada para participar na produción cinematográfica galega. Semprecinema Producións SL será o nome da empresa, que se presentará o vindeiro mércores en Santiago.
Ese mesmo día, asinarán o acordo de colaboración o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado; o director de Acción Sociocultural de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; Álvaro Álvarez, director xeral de Xesgalicia, e Javier Carral, conselleiro-director xeral de GesCaixa.
O obxectivo desta nova sociedade é "contribuír á consolidación e impulso" da realización de longametraxes participadas por produtoras galegas, que presenten unha "manifesta vocación comercial" orientada ao mercado do resto do Estado e internacional.
A empresa conta cunha dotación inicial de 3 millóns de euros, participado nun 51 por cento pola entidade financeira e nun 49 por cento pola Administración autonómica. O fondo ofrecerá un financiamento de ata 600.000 euros en proxectos "economicamente viables", que poderá ser superado en casos excepcionais, segundo avanzaron e setembro as partes implicadas neste acordo.
A nova sociedade non achegará subvencións, senón que coparticipará con idéntico risco en proxectos cinematográficos de empresas produtoras independentes galegas que dispoñan de recursos económicos suficientes, teñan producido alomenos dúas longametraxes estreadas e exhibidas en salas comerciais e cun balance económico positivo.
O orzamento por proxecto deberá ser igual ou superior a 2.200.000 euros e un investimento mínimo do produtor de 100.000 euros. Tamén se valorará a participación doutro coprodutor galego, a porcentaxe do equipo galego, a existencia dun contrato de distribución, o número de copias que se distribuirán na comunidade, a rodaxe en Galicia, o gasto que revertirá na comunidade galega, a preestrea e a presenza de Galicia nos actos de preestrea fóra dela.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias