O Consello da Xunta apoiou hoxe a candidatura da Torre de Hércules para formar parte da lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Dende o departamento que dirixe Ánxela Bugallo instouse ao Consello da Xunta a apoiar institucionalmente este candidatura. De feito esta declaración oficial realizada polo Goberno galego, cadra co envío hai uns días ao Ministerio de Cultura dun dossier definitivo sobre a Torre de Hércules, que lle será enviado á UNESCO para decidir se ten en conta a candidatura ou non para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O Consello da Xunta amosou tamén o seu apoio oficial á candidatura á Universiada 2013, que tomará Vigo como centro de competición de 10.000 universitarios procedentes de 170 países. Con esta proposta, Cultura procura achegar este evento internacional como un proxecto económico, social, deportivo e cultural que proxecte Galicia ao exterior. O Concello de Vigo xa iniciou a campaña e está a traballar na preparación da candidatura de Vigo para ser a sede oficial da XXVII Universiada de verán no ano 2013. O programa deportivo está composto por dez disciplinas de carácter obrigatorio: atletismo, fútbol, baloncesto, voleibol, tenis de mesa, esgrima, natación, salto e waterpolo, ximnasia artística e rítmica, e por tres disciplinas de exhibición. As sedes nas que se desenvolverá nos próximos anos serán Belgrado (Serbia) en 2009 e Shenzhen (China) 2011.