El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Cultura e Deputación chegan a un acordo para axilizar o proxecto do Dolmen de Dombate

06-02-2008

A Consellería de Cultura e a Deputación da Coruña chegaron a un acordo para resolver o proxecto do edificio do Dolmen de Dombate, nunha reunión mantida en Santiago polo director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, un representante da Deputación, Gonzalo Prego, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, ademais de varios arqueólogos e arquitectos dos servizos técnicos das dúas institucións. Finalmente, a altura da construción que protexerá o dolmen será menor que no último proxecto presentado e o seu deseño farase máis sinxelo e transparente para proporcionarlle un maior protagonismo ao conxunto dos dólmens e os seus elementos asociados e non ao seu contedor, explican dende Cultura. Na xuntanza tratáronse aspectos sobre a conservación, protección, posta en valor e xestión do dolmen de Dombate, aínda que a Consellería aclara que "xa houbo varias en 2006 e 2007 logo de varios anos de paralización". A solución para poñer fin á paralización do dolmen acordada por ambas institucións consiste en rebaixar a altura do edificio-cuberta entre dous e tres metros e eliminar os servizos hixiénicos, que irán fóra do edificio e non dentro del, tal e como propoñía o último proxecto presentado. Mantense ademais a idea dunha pasarela ascendente para ter varios puntos de vista dos dous enterramentos megalíticos. Deste xeito, vólvese ás ideas do proxecto orixinal, que no seu día gañou o concurso convocado pola Deputación, que pretendía que non tivese unha incidencia excesiva ou agresiva para o propio monumento e a súa comprensión e percepción no contorno paisaxístico, afirman dende a Consellería. Medidas urxentes En canto á conservación, acordouse axilizar unha serie de medidas urxentes para a protección do conxunto do dolmen (incluídos os restos de pintura parietal que se conservan) con carácter provisional mentres non se constrúe o edificio que o cubra e que sirva, ao tempo, de instalación museográfica complementaria. A Consellería de Cultura e a Deputación da Coruña manterán unha liña de colaboración tanto para as actuacións urxentes e para as investigacións que continuarán no xacemento, como para a formalización do edificio-cuberta. Ademais, coordinaranse na integración e relación de Dombate co resto do megalitismo da Costa da Morte. Todas as accións previstas desenvolveranse ao longo deste ano 2008, aínda que o remate da construción, en función do proxecto executivo que se decida, poida rematarse en 2009.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias