Sociedad
06-02-2008
O Concello de Lalín organiza para o día 23 de febreiro un acto conmemorativo do centenario do nacemento do pintor Laxeiro. Presentaron o programa o alcalde da localidade, Xosé Crespo, e o escritor Carlos G. Reigosa, organizador do evento. O 23-F marcará o inicio da celebración do centenario de Laxeiro que se prolongará durante todo o 2008.
O acto "de homenaxe e reivindicación" comezará ás 11 da mañá no cemiterio, coa intervención do alcalde de Lalín e un só de gaita, para impoñer sobre a tumba unha coroa de loureiro. Posteriormente, visitarán a casa natal de Laxeiro.
O Auditorio de Lalín acollerá a partir das 12 horas o acto central, no que estarán presentes o ministro de Cultura, César Antonio Molina; a conselleira Ánxela Bugallo; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, que darán o "respaldo institucional" ao "pulo" que se lle pretende dar á figura do pintor do Deza.
Ao acto, realizado en colaboración coa Fundación Laxeiro e esponsorizado por Caixa Galicia, asistirán tamén Antón Lamazares, "indiscutible pintor laxeirán na súa concepción da arte", Isaac Díaz Pardo, "amigo de Laxeiro en España e Arxentina", e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, quen situará a Laxeiro na vangarda histórica, sinalou Reigosa.
A organización confía en reunir a 250 intelectuais, "onde estará o mellor de cada casa", agás os que se atopen ese día na Feira Internacional do Libro da Habana, á que Galicia asiste como convidada de honra.
Proxección en Madrid
Tal como explicou Carlos G. Reigosa, sinalou o carácter reivindicativo do acto, "porque todos os pintores galegos limitan coa primeira posición da arte", e lembrou que o feito de estar nun museo "depende da forza que se exerza dende a sociedade".
Así o remarcou tamén o alcalde de Lalín, quen insistiu na necesidade de "pular pola súa figura", xa que "non tivo a proxección que debera en Madrid".
Reigosa atribuíu a ausencia de Laxeiro nos museos madrileños a que ao seu regreso de Arxentina, o pintor de Lalín mantivo unha actitude "algo soberbia" fronte ao grupo El Paso, e a sí foi como "o Grupo El Paso cortoulle o paso" á súa proxección española.
Para solventar esa carencia, e coincidindo co décimo aniversario da morte de Laxeiro en 2006, comezou unha iniciativa para levar unha exposición conmemorativa ao Museo Reina Sofía. Porén, os cambios no museo nos últimos meses "obrigan a empezar de novo" todo o proceso, informou Reigosa, quen salienta que "o feito de que o ministro asista a este acto non é irrelevante".
Crespo afirmou que xunto ao pintor Colmeiro, de Silleda, Laxeiro xerou un movemento de persoas dedicadas ás artes plásticas "sen precedentes na comarca do Deza". En parte, culpou a Laxeiro de que "60 dos artistas máis importantes de Galicia se sitúan arredor da Nacional 525, que une Ourense con Santiago e que ten en Lalín o seu punto de inflexión".
Pola súa banda, Reigosa salientou a "intuición" do pintor para "pegar un salto e incorporar a pintura galega no mundo". "Tivo clara a necesidade de ruptura coa pintura rexionalista, mantendo unha visión románica", explicou.
Ano Laxeiro
Ademais deste acto de aniversario, ao longo do 2008 sucederanse distintas actividades en conmemoración do nacemento do pintor que revolucionou a arte galega. Así, mañá venres abrirase en Lalín unha exposición titulada 'Laxeiro e amigos na Colección Caixanova'.
Pola súa banda, a Fundación Laxeiro presentará este venres en Vigo os actos conmemorativos do centenario, entre os que se atopa a elaboración dun catálogo da súa obra.
Pola súa banda, a Universidad Internacional Menéndez Pelayo dedicará un curso ao pintor no que participarán nove expertos na súa obra e do que posiblemente saia unha publicación.
O alcalde de Lalín remarcou que este ano se celebra tamén o centenario do Centro Lalín en Bos Aires, co que Laxeiro tivo relación, xa que permaneceu en Arxentina 20 anos da súa vida, e que pode dar lugar a unha colaboración en torno á figura de Laxeiro.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias