El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Os galegos son os que menos libros compran no Estado

Galicia sitúase de novo no penúltimo lugar en hábitos de lectura

07-02-2008

Galicia volve saír mal parada no "arómetro de hábitos de lectura y compra de libros" realizado por Conecta para a Federación de Gremios de Editores de España. Os galegos son os que menos libros compran e a comunidade recae no penúltimo posto en porcentaxe de poboación lectora, tras un lixeiro ascenso en 2006. Segundo este estudo, relativo ao ano 2007, Galicia sitúase de novo no penúltimo lugar na lista de comunidades autónomas con menor hábito de lectura. Así, o 48,8 por cento dos galegos maiores de 14 anos decláranse no 2007 non lectores, fronte a un 14,9 de lectores ocasionais e un 36,3 por cento de lectores frecuentes. Malia todo, e segundo estes datos, os galegos son amigos do préstamo de libros, xa que a porcentaxe de compradores de libros non de texto se sitúa no último lugar, cun 39%, mentres que a media española se atopa case seis puntos por riba, cun 44,7% de compradores. Na cola Só os estremeños, cun 49,5 por cento de lectores, se declaran menos amantes dos libros cós galegos, cun 51,2 por cento. Xunto a A Rioxa, a Comunidade Valenciá, Murcia, Castela e León, Andalucía e Castela-A Mancha, conforman o grupo que queda por debaixo da media española (56,9%), igualada por Cantabria e Navarra. No 2006, a comunidade galega gañara posicións (cun 53%), e superara a Andalucía e Castela-A Mancha en porcentaxe de lectores (52%), e chegara a igualarse a Castela e León. Nos últimos cinco anos, Galicia rexistra unha media do 51% de poboación lectora, igual que Castela-A Mancha e Andalucía, e superando só a Estremadura, que se conforma co 49%. Sempre por debaixo da media española, que chega ao 55%. O "Barómetro de hábitos de lectura" realízase cada tres meses dende 2001 para analizar o comportamento dos españois maiores de 14 anos en materia de lectura e outros hábitos culturais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias