El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta gastou na Feira da Habana 1,3 millóns de euros dos 3,5 fixados no orzamento para proxección exterior

27-02-2008

A Consellería de Cultura destinou á Feira Internacional do Libro da Habana 1,3 millóns de euros, dos 3,5 contemplados nos Orzamentos do 2008 para proxección exterior da cultura galega. Así o afirmou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen cualificou a experiencia de "éxito". Malia as críticas, o certo é que o gasto doutras comunidades que "nos levan 25 anos de vantaxe" e que asistiron a eventos similares foi superior. Así, Bugallo referiuse ao investimento de 3 millóns de euros realizado por Andalucía como convidada de honra na Feira do Libro de Guadalajara (México) en 2006, que levou a 360 participantes, ou aos 11,5 millóns de euros que Cataluña destinou á asistencia como cultura convidada en Frankfurt 2007. De volta da Habana, a conselleira e os membros da delegación galega na Feira do Libro explicaron os froitos da presenza de Galicia como convidada de honra no evento cultural internacional. "Foi un marco moi frutífero para contactos estratéxicos con axentes culturais latinoamericanos", asegurou Bugallo, quen cre que a Feira serviu como "primeiro paso clave da estratexia de proxección en alto nivel", un dos obxectivos fundamentais do seu departamento. Defenderon esta idea o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Elías Torres; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, e o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín, que salientaron o "orgullo" pola propia cultura amosada na Feira, ao igual que o resto dos editores, escritores e artistas participantes. "Ata o de agora nunca se fixera nada nesta dirección, e en dous anos e medio colocámonos como convidados de honra na Habana e pedimos ser convidados na Feira de Guadalajara en 2011", lembra a conselleira. "Que Galicia sexa criticada por investir en sentar bases para a proxección da súa cultura é consecuencia da ignorancia e da concepción da cultura como arte para elites", argumentou o presidente dos editores galegos. Miguelanxo Prado sinalou tamén a necesidade de que a cultura galega se dea a coñecer fóra: "quero traballar en Galicia como galego, pero non podo vivir do meu traballo só co mercado interior", polo que se fai preciso a proxección exterior para o desenvolvemento da creación do país. Para a conselleira, as críticas débense á "falla de coñecemento da cultura do noso país", e lembrou que Galicia "pasouse moitos anos saíndo coa maleta para América, primeiro pola emigración, despois pola represión e máis tarde con obxectivos electorais". "Os argumentos contra a cultura galega nada teñen que ver coa cultura galega", sinalou a responsable de Cultura, en referencia ás acusacións sobre o apoio da Xunta ao goberno de Castro coa súa visita á Habana, e lembrou as viaxes do ex presidente da Xunta Manuel Fraga ou a asistencia de España como convidado á Feira durante o goberno de José María Aznar. "Cando sae das súas fronteiras, todo o mundo recoñece o valor e a calidade da cultura galega, aínda que dentro hai xente que non é consciente desta riqueza", lamentou Bugallo, quen agradeceu á embaixada cultural galega a súa "calidade" e "esforzo" desmotrados na Feira da Habana. Un esforzo para un país pequeno Antes que Galicia, foron convidados de honra na Feira da Habana países como Italia, España, Francia, Alemaña, Brasil, Venezuela e Arxentina, e pasoulle o bastón de remuda a Chile. "Para Galicia, supón un orgullo poñerse á altura destes países convidados", afirmou a titular de Cultura do Goberno galego. Para non pasar desapercibidos, un total 150 artistas e intelectuais galegos protagonizaron 200 actividades culturais, 11 exposicións e publicacións ex profeso para a feira. Un plan que xa se levaba xestando dende febreiro de 2006 para amosar en Cuba "unha representación ampla e plural" dunha cultura galega "viva, puxante e creativa", segundo asegurou o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Así, a cultura galega contou cunha especial visibilidade nun evento que logrou reunir a 520.000 visitantes de 32 países, que mercaron 1,2 millóns de libros, e ao que asistiron 60 xornalistas acreditados que deron conta da creatividade galega. A Feira serviu tamén como punto de encontro entre escritores e músicos galegos e cubanos e para realizar proxectos de mestura creativa entre ambos países, como 'Música ao Vivo' e 'Ópticas cruzadas'. Ademais, a asistencia de Galicia como convidada á Feira da Habana trouxo de volta acordos institucionais de colaboración co Instituto de Literatura e Lingüística, coa Escola Internacional de Cine de Cuba, co Instituto Superior de Arte e co Museo Nacional de Bellas Artes, coa fin de recuperar o patrimonio cultura galego na illa e realizar proxectos entre artistas de ambos lados do Atlántico.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias