Sociedad
28-02-2008
A compañía Acontrabutaca estreará en Madrid o espectáculo 'Robin Hood' o vindeiro sábado 2 de marzo. O Teatro Calderón acollerá outras 17 funcións nos sábados e domingos de marzo e abril.
O espectáculo musical infantil, dirixido por Xosé Lueiro e interpretado por Nuria Sanz, Patricia Vázquez, Ana Puente, Rocío González e Fran Ameixeiras, foi estreado na Estrada o pasado mes de outubro. En xaneiro comezou unha xira da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios e de Caixanova que levou, en tan só dez funcións, a máis de cinco mil rapaces a encher os teatros por onde pasou o lendario heroe de Sherwood.
O primeiro clásico da literatura infantil aparece agora galeguizado a través do celtismo e a cultura castrexa nunha comedia musical en directo para público familiar.
Así, o bosque de Sherwood cambiará a súa fisionomía pola dunha fraga con carballos, hedras ou dolmens, para adaptar á cultura galega a mensaxe universal da xustiza social e da loita entre opresores e oprimidos, mentres que Robin Hood rodearase de seres procedentes da mitoloxía galega, como sereas, bruxas e trasnos.
Para apoiar a estadía en Madrid deste espectáculo, a productora conta co apoio do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) a través da súa liña de axudas a distribución exterior e co patrocinio de Caixanova. Tamén reforzará a exhibición do espectáculo unha campaña de merchandising que inclúe a edición dun CD publicado pola discográfica compostelá Audia Records, ademais de camisetas e gorros de cartón.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias