Sociedad
02-09-2008
A segunda Mostra de Cine Arxentino en Galicia desenvolverase en Vigo do 12 ao 19 de setembro, segundo anunciaron este martes na cidade olívica o secretario xeral de Comunicación da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual, Fernando Salgado, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Organizada polo Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración co Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Argentina (Incaa) e a Alcaldía de Vigo, a mostra achegará a Galicia filmes de difícil acceso aos circuítos de exhibición, así como películas que aínda non pasaron polas salas de cine do país.
En total, proxectaranse seis producións seleccionadas polo Incaa, no Salón do Antigo Reitorado da Universidade de Vigo nun único pase diario ás 20 horas. Os filmes seleccionados foron 'Tacholas', 'El asaltante', 'Las manos', 'El resultado del amor', 'Sentimientos, Mirta de Liniers a Estambul' e 'La Velocidad Funda el Olvido'.
O documental sobre o actor de orixe galega Fernando Iglesias 'Tacholas', dirixido por Pepe Santiso, abrirá o ciclo o sábado 13 nunha sesión inaugural que contará coa presenza de representantes do INCAA de Arxentina e a intervención de Jorge Coscia, deputado nacional e presidente da Comisión de Cultura da Cámara de Diputados de la Nación Argentina, así como co director dun dos filmes que conforman esta mostra.
'El Asaltante', de Pablo Fendrik, proxectarase o luns 15 de setembro e retrata un lapso de tempo na vida dun home que planea executar un plan no que o espectador se converte en testemuña privilexiada de momentos íntimos e decisións cruciais.
Alejandro Doria dirixe 'Las Manos', que se poderá ver o martes 16 de setembro, e que narra a historia real do Pai Mario Pantaleo, un cura italiano "sanador" por imposición de mans. O mércores proxectarase 'El Resultado del Amor', de Eliseo Subiela, que recolle a historia de Mabel, unha rapaza que vive nunha vila mísera e traballa alternando a animación de festas infantís coa prostitución.
'Sentimientos, Mirta de Liniers a Estambul', o filme de Jorge Coscia que se presentará o xoves día 18, amosa a historia dunha estudante universitaria de Buenos Aires na Arxentina dos anos setenta e que vive un romance cun compañeiro que milita na política. Tras o golpe de estado de 1976, a parella vese obrigada a refuxiarse en Estocolmo. O exilio contribuirá a destruír a súa relación de parella e obrigará a Mirta a forxar o seu propio camiño.
'La velocidad funda el olvido' porá o broche final á Mostra o venres 19 de setembro a través dun dos filmes beneficiados polo Fondo Raíces. O seu protagonista é Olmo, un mozo de 24 anos que habita un mundo fóra da realidade construído pola obsesión do seu pai que acumula, arquiva e clasifica todo tipo de obxectos sen un sentido aparente. Pero a presenza afastada da súa nai moverá os fíos nunha dirección sorprendente. Un relato fascinante e conmovedor sobre a identidade, a memoria e o esquecemento.
O acto de apertura do evento celebrarase o venres día 12 no salón de actos do MARCO de Vigo, ás 20 horas, nunha gala-cóctel que contará coa presenza de autoridades galegas e arxentinas organizadoras, así como de actores de recoñecido prestixio internacional, como Eduardo Blanco, e cunha actuación musical a cargo de artistas arxentinos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias