O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes, presentaron esta mañá a XXXI edición do Día do Traxe Galego que se celebrará en Santiago o vindeiro 26 de xullo.
Baqueiro explicou que "esta é unha cita ineludible non só para os composteláns, senón tamén para os visitantes e turistas que se achegan ata a cidade", logo de convidar aos santiaguese para que enchan de "colorido" a Quintana o día 26, o concelleiro mostrou a súa intención de vestir o traxe tradicional un ano máis xunto a outros membros do goberno.
Rita Miramontes insistiu en que para "participar nos desfiles non é necesario inscribirse" e fixo un chamamento ás diversas agrupacións e escolas de música e danza galega para que ofrezan os seus fondos de vestiario para saír "o maior número de xente á rúa", nunha festa á que acuden anualmente unha media de 250 persoas. Pola súa parte a secretaria do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, expresou que esta é "unha experiencia diferente" e manifestou o seu desexo para que "algún día sexa a festa de todos".
PROGRAMA
O percorrido comezará cunha concentración de traxes na alameda de Compostela ás 11.30 horas, e a saída do desfile terá lugar ás 12.15. Despois de percorrer a Porta Faxeira, a rúa do Vilar ou Praterías; celebrarase unha misa solemne na Catedral ás 13.00 horas, onde haberá a ofrenda tradicional ao Apóstolo. Logo disto haberá unha recepción no Concello.
Pola tarde terá lugar o Certame do Traxe en San Domingos de Bonaval a partir das 16.00 horas. O prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso remata o 23 de xullo, ás 14 horas podéndose entregar no Departamento de Festexos do Concello. Ás 19.30 horas iniciarase dende o Museo do Pobo Galego o recorrido que chegará á Quintana. Este ano en vez de facer o recorrido pola Acibechería, irase pola Conga, Rúa Nova e Praterías, entrando á Quintana pola rampa entre San Paio e Casa da Conga.
Para rematar a festa, sobre as oito da tarde, comezará na Quintana o desfile de exhibición de traxes e entrega de premios. Haberá premios entre os 250 e os 500 euros para os mellores traxes antigos completos, de cotío e modernos. Ademais, a Coral Polifónica de Compostela amenizará a velada coas súas actuacións e entregaranse as medalla de honra da Asociación do traxe.